Nada bo de A Coruña

Segunda visita do Compos a A Coruña e segunda derrota, terceira no que vai de curso. Mal partido dos nosos cun once novidoso e que, sobre todo en ataque, non foi positivo. A iso hai que engadir que os trocos chegaron xa cunha diferenza en contra case insalvable. David Rey, compañeiro de Ander no centro da defensa, foi o autor do único gol branquiazul en A Grela mentres que Movilla e Renan Zanelli anotaron os goles da vitoria do Silva.

Dous de dous.
Na primeira xornada de liga, o Compos non puido voltar de Abegondo con algo positivo. A peor derrota en moitos anos, polo menos en canto a resultado, coa que comezar a tempada co pé esquerdo. Sen embargo, dende esa visita á cidade herculina o equipo pareceu mellorar chegando incluso aos postos de promoción de ascenso. Catro partidos consecutivos sen coñecer a vitoria e visita a un equipo con dificultades para gañar. 
Pero xa dende antes de comezar o encontro partíamos por debaixo. Moitas baixas importantes na convocatoria ás que sumar as ausencias no once titular de Mitogo e Tomás así coma as dificultades de xogar nun campo con herba artificial, algo ao que moitos equipos non están acostumados. Ben é certo que iso tampouco é unha razón para xustificar a terceira derrota do curso xa que os dous goles en contra chegaron despois de dúas xogadas a balón parado. 

De máis a menos.
O Compos saltou ao terreo de xogo coa intención de contar coa posesión da pelota. Nos primeiros minutos de encontro, a intensidade do xogo axudou a que os nosos conseguiran ata catro saques dende o curruncho en cousa de cinco minutos. Sen embargo, a balón parado non puido chegar o primeiro gol e o Silva gañou confianza sobre o verde. 
Co paso dos minutos, os nosos perderon a posesión da pelota e o equipo herculino pasou a dominar o encontro. As ocasións pasaron da portería de Guillermo á de Manu Cedrón en cousa de minutos, sobre todo en xogadas a balón parado. De feito, dun saque de banda chegou o segundo gol local.

Do 0-1 ao 1-0.
Nun minuto tolo do encontro pasouse do que puido ser o primeiro gol santiagués ao que foi o primeiro gol coruñés, demostrando que nin con dous dianteiros saen ben as cousas en ataque lonxe de San Lázaro.
Tal e como estaba a transcorrer o encontro, un erro defensivo podería decantar a balanza para un ou outro lado. E así foi que chegou a mellor oportunidade dos nosos no primeiro tempo. Xogada preto da área de Guillermo con varios rexeites, o balón cáelle a Make e este non mete por moi pouco.
Parecía que o Compos melloraba pero cun erro en defensa chegou o gol local, un golpe duro e que o equipo non consegue remontar fóra da casa. Non acerta a despexar, recolle a pelota Movilla e non perdoa ante a saída de Cedrón. 
O gol pareceu espertar un pouco aos nosos que antes do final do primeiro tempo gozaron de boas ocasións para anotar o empate. Pero, de novo, apareceu Guillermo para acabar cos plans branquiazuis.

Máis do mesmo no segundo tempo.
Se por algo se caracterizou o segundo tempo foi polas constantes perdas de tempo, en boa parte polos problemas físicos dos xogadores locais. Antes diso, o Silva deixou a vitoria case asegurada cun segundo gol. Un tanto que chegou antes dos dez minutos trala reanudación nunha xogada comezada na banda. E é que o Silva xa avisara na primeira metade do perigo que poden crear nos saques de banda. Gol de Renan Zanelli.

Decisións sen tempo.
Co 2-0 no marcador, Yago Iglesias buscou á desesperada a remontada. Coa entrada de Tomás e Mitogo pareceron chegar máis oportunidades para crear perigo. Sen embargo, Nogueira non foi quen de finalizar as ocasións sobre a porta local. Aínda así, as esperanzas non desaparecían por completo na zona branquiazul das bancadas.

Tensión nos últimos minutos. 
Os quince minutos finais chegaron cheos de tensión tanto no terreo de xogo coma nos bancos. David Rey, despois de varios rexeites, conseguíu recurtar diferenzas. Un gol cun chisco de sorte e que aumentou a intensidade en ataque por parte dos nosos, que precisou un erro para facer un gol e que, por mor dos nervios, non puido facer un segundo. 
O partido pasou a xogarse no último cuarto do campo, en terreo local. Pouco a pouco buscaron un novo oco, algún erro defensivo, pero só se atoparon con xogadores coruñeses polo chan e un colexiado coa man un pouco solta en canto aos cartóns. Tanto é así que ata catro xogadores da Esedé remataron o encontro cun cartón amarelo, tres deles nese tramo de encontro e non todos por faltas ao que engadir un a Juan Rey despois dun intento de chilena que petou na cabeza dun contrario sen voluntariedade.
Nos bancos, a tensión non foi menor. Héctor Angueira e Rodri, ambos do corpo técnico branquiazul, tiveron que ver o final do encontro dende a bancada despois de ser expulsados. E non foi por menos, os xogadores do Silva buscaron perder todo o tempo posible asegurando os tres puntos. 

Coma na casa é outra historia, xa hai que pensar no partido do vindeiro domingo en San Lázaro ante o CD Barco. Será o primeiro partido dunha semana con ata tres encontros de liga en cousa de sete días cunha visita a Vilagarcía de Arousa polo medio.

ALIÑACIÓN: Cedrón; Saro, David Rey, Ander, Mon; Taboada, Make (Juan Rey, min. 74), Julián; Rubén (Mitogo, min. 56), Santi (Tomás, min. 64) e Nogueira. 
CARTÓNS: Amarelos para Make, Tomás, David Rey e Juan Rey. Expulsados ademais Héctor Angueira e Rodri. 
GOLES: 1-0 36' Movilla, 2-0 54' Renan Zanelli, 2-1 79' David Rey. 
CAMPO: A Grela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario