Reacción de promoción

O Compos demostrou ante o Bergantiños un poder de reacción non visto ata o de agora. Vitoria importante para encadear dúas consecutivas ante un gran rival que puxo aos nosos contra as cordas en máis dunha ocasión achegándose á vitoria. Finalmente, tras estragar unha diferenza de dous goles e ter que remontar o encontro, os tres puntos quedaron na casa.
Quinto partido na casa e quinta vitoria. O equipo é invencible na casa e demostrouno unha vez máis ante o equipo de Carballo, que a piques estivo de saír con algo moi positivo. Sen embargo, despois de deixarse empatar un 2-0, os homes de Yago Iglesias souberon reaccionar a tempo para, ante unha defensa frouxa, conseguir o mellor resultado do que vai de tempada e sumar tres puntos de ouro cos que subir ata o terceiro posto da clasificación e empatar a puntos co segundo mellorando un chisco as opcións de cara ao final da tempada.

Gran arrinque.
Sen dúbida hai que destacar a boa saída dos nosos ao terreo de xogo. Fixéronse coa posesión da pelota e as ocasións de perigo non se fixeron esperar sobre a porta de Cristopher. As ocasións e o primeiro gol. Para conseguilo apareceron dúas das últimas incorporacións ao once titular e que parecen facerse un oco nel. 
David Nogueira anotou o gol da vitoria ante o Racing Vilalbés a pasada xornada. O santiagués gañou a partida a Santi e superados os cinco minutos puido celebrar outro gol, neste caso tras unha gran asistencia cruzando a pelota diante da portería. No segundo pau apareceu Rubén, do mellor no primeiro tempo a pasada fin de semana, para poñer a pelota lonxe do alcance do porteiro. 
O Bergantiños quixo refacerse ao gol pero o seu primeiro intento de achegarse á porta de Manu Cedrón rematou cunha falta no lateral da área sen perigo algún. Ante isto, nova resposta letal dun Compos que parecía ter moito gol. Nesta ocasión chegou tras unha gran xogada en equipo entre Mon, que entrou coma recambio de Cabrejo, Nogueira e Tomás, que precisou ata dous disparos para bater ao gardamallas. Gol do vigués para asinar o seu terceiro do que vai de tempada.

Efectividade total.
O Bergantiños non se deu por vencido. O equipo carballés quixo arranxar os dous erros defensivos nos dous goles branquiazuis e fíxoo cunha efectividade do cen por cen. Primeira ocasión nos primeiros corenta e cinco minutos e gol para recurtar diferenzas. Un gol que asinou Borja Facal, o ex lateral da Esedé, á saída dun córner.
Co 2-1 no luminoso, os dous equipos buscaron a porta rival con insistencia. O terceiro gol branquiazul estivo moi preto ata o final do primeiro tempo pero por momentos parecía estar máis preto o segundo gol do Bergantiños, o do empate. Aí apareceron as mellores versións das dúas defensas e os porteiros, con Manu Cedrón evitando a igualada. 
Pero tamén houbo momento para a polémica. A primeira metade rematou cun posible penalti na área branquiazul sobre Iago Blanco e as queixas posteriores do equipo carballés, nada contento coa actuación do colexiado nesa xogada.

Segunda metade, novo partido .
A segunda metade comezou cun duro golpe. Aos dous minutos tras o asubío do colexiado, o Bergantiños conseguíu o premio máis buscado. O empate visitante non se fixo esperar cun gol de Iago Blanco tras unha perda local nun saque de banda. Novo erro defensivo cun duro castigo.  
De novo repetíase os guións dos partidos ante Fabril, Céltiga, Castro e Dubra. O equipo deixouse empatar. Era o momento de reaccionar con tempo suficiente por diante para conseguilo. 

A defensa tamén sabe marcar.
A diferenza dos encontros antes recordados, nesta ocasión o equipo si soubo reaccionar. De feito, só fixeron falta dous minutos para ver de novo aos nosos por diante. Falta case no centro do campo, Taboada controla coa testa como pode e, diante do porteiro, remata en semifallo. Gol do capitán branquiazul e de novo melloran as esperanzas no equipo. 
Sen embargo, o mellor estaba por chegar. Superada a hora de xogo, falta de Rodri na frontal, moi centrada e perigosa. Mon, o mellor comodín para Yago Iglesias, non dubidou en probar sorte e puxo a pelota na escadra da portería de Cristopher. Golazo do santiagués para sentenzar o partido con case media hora por diante ata o final. 

Sen correr máis riscos.
O final do encontro transcorreu sen grandes novidades máis aló da entrada ao terreo de xogo de Roberto Piñeiro, actualmente nas filas do Bergantiños e que recibíu a ovación máis merecida. Ningún dos dous equipos buscou a portería co resultado xa case incorrexible e só dúas chegadas branquiazuis puideron ampliar a diferenza, anque ningunha foi entre os tres paus.

Agora xa é o momento de pensar no vindeiro partido. O Silva recibirá a un Compos que aínda non sabe o que é gañar fóra da casa pero que suma dúas vitorias consecutivas e catro xornadas sen perder, así como dous empates en catro partidos lonxe de San Lázaro. 

ALIÑACIÓN: Manu Cedrón; Saro, Cardeñosa, Taboada, Mon; Make, Julián; Diego Rey (David Rey, min. 59), Tomás (Santi, min. 73), Rubén (Mitogo, min. 59); e Nogueira.
CARTÓNS: Amarelos para Taboada e Mon.
GOLES: 1-0 7' Rubén, 2-0 17' Tomás, 2-1 21' Borja Facal, 2-2 47' Iago Blanco, 3-2 49' Taboada, 4-2 63' Mon.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario