Un Racing Vilalbés para a historia chega a San Lázaro esta fin de semana nun encontro entre dous encontros que aínda non coñecen a derrota no que vai de tempada, anque no caso do Compos só sexa cando xoga de local. Un partido entre dous dos equipos máis fortes da categoría e onde un rematará cunha importante xeira positiva neste comezo de liga.
'Invictus'.
O Racing Vilalbés chega invicto a San Lázaro. De feito, contan por vitorias case tódolos seus partidos. Só quedaron sen sumar os tres puntos no Juan Baleato, onde non puideron sequera marcar un gol. Seis vitorias en sete encontros, confirmándose coma o rival a bater neste inicio de tempada. A iso hai que sumar que é o equipo que menos goles recibíu ata o de agora ademais de ser o terceiro equipo máis goleador do grupo.
Suman seis vitorias pero só unha fóra de Vilalba. O sorteo quixo que os chairegos xogasen os seus tres primeiros partidos na casa gañando os tres e non deixaron de sumar de tres en tres ata a sexta xornada, cando no Juan Baleato demostrouse que non son invencibles.
A nivel individual, hai que ter moi en conta a Gerardo. O asturiano é o máximo goleador do seu equipo con 6 tantos e segundo máximo goleador da categoría, só superado por un tal Óscar Pinchi. Tamén se trata do xogador con máis cartóns do seu equipo, con 4 amarelos e a un só dunha fin de semana sen xogar por sanción.
Ningún coñece a derrota.
O Compos non sabe o que é non gañar na casa. San Lázaro é, un ano máis, un fortín do que aínda non saíu nin un so punto. Tres vitorias en outros tantos encontros superando, non sen complicacións, a Ribadumia, Alondras e As Pontes. Tres fortes equipos que non puxeron as cousas nada fáciles a unha Esedé que, pouco a pouco, está a ascender postos na táboa cos postos de promoción de ascenso á vista.
No máis alto da táboa está o Racing Vilalbés. O equipo lugués aínda nunca perdeu pero ben é certo que lonxe de A Magdalena parecen ter máis problemas para gañar. Xogaron só dous partidos a domicilio e asinaron catro de seis puntos posibles. Nas dúas saídas hai outro dato menos importante e é que os dous equipos que os recibiron remataron con dez homes sobre o campo. Por contra, só anotaron un gol en 180 minutos deixando a porta a cero nas dúas citas.
Bo recordo.
Compos e Racing Vilalbés só se enfrontaron nunha ocasión na Terceira división en Santiago ata o de agora. Foi alá polo ano 2012 e a Esedé gañou pola mínima grazas a un gol de Joselu dende os once metros. Naquela tempada, o Compos rematou terceiro na táboa e ascendeu á Segunda B mentres que os vilalbeses pecharon o curso na zona media da táboa.
Un partido con goles.
Durante a pasada xornada, entre os partidos dos dous equipos se puideron ver ata nove goles e moita emoción. O Racing gañou na casa ante un Cerceda máis baixo do que se agardaba. 3-2 con moito sufrimento e un gol no derradeiro minuto de xogo. De feito, os chairegos chegaron a poñerse 2-0 antes do minuto 15 de partido. O Cerceda comezou a remontada a dez minutos para o final e en tres minutos conseguiron igualar o resultado. Rubén Gómez, no 89, asinou o 3-2 definitivo para os de verde e vermello.
Se no Racing-Cerceda houbo emoción, non menos foi o Dubra-Compos. Catro goles repartidos por partes iguais entre os dous equipos. O Compos púxose por diante no primeiro tempo, o Dubra conseguíu empatar e no engadido chegaron dous goles máis. Santi asinou o segundo tanto branquiazul pero, xa fóra de tempo, empatou de novo o equipo local. Segundo 2-2 da tempada e de novo lonxe de San Lázaro para os nosos, que seguen sen conseguir gañar a domicilio.
Algo máis positivo para nós.
Os de Yago Iglesias sumaron xa nove puntos de nove posibles. Tres vitorias en tres partidos anotando 6 goles e recibindo dous. Destaca o 3-1 ante o Ribadumia na estrea do estadio branquiazul esta campaña, mentres que nos outros dous encontros, ante Alondras e As Pontes, o gol da vitoria chegou nos dez últimos minutos de xogo.
Pola súa parte, o Racing só anotou un gol nas súas dúas saídas. Un gol de Gerardo ante o As Pontes a quince minutos para o final serviu para conseguir os seus tres primeiros puntos a domicilio. No outro encontro, en Bembibre, non foron quen de pasar do empate inicial ante o Dubra.
Goles e expulsións.
O Racing Vilalbés, cada vez máis lonxe dos seus rivais superando en cinco puntos ao segundo clasificado, é un equipo con moito gol. Só quedaron sen marcar nunha ocasión, no Juan Baleato. En tres ocasións ata chegaron a facer tres goles por partido, noutras dúas conseguiron gañar pola mínima grazas a dous goles e só en As Pontes anotaron un gol nos noventa minutos. Tamén cabe destacar que só en As Pontes e Bembibre, as dúas saídas do equipo, non encaixaron ningún gol recibindo polo menos un en tódolos seus partidos na casa.
A ese dato máis que positivo hai que sumar outro que deixa claro que o equipo xoga coa pelota. Non pode haber outra razón para a coincidencia de que en catro de sete partidos o rival rematou con dez xogadores.
Mitogo non poderá estar.
Mitogo será baixa segura este domingo pero non por sanción nin lesión. O ecuatoguineano viaxará coa súa selección volvendo ás filas do Compos un xogador internacional despois de Vladimir. O dianteiro xogará un amigable o vindeiro martes ante Líbano.
Ademais do noso internacional, tamén será baixa Martín. O extremo compostelán non poderá estar ante o Racing Vilalbés por lesión. Pola súa parte, Make será dúbida ata última hora polo que haberá que agardar ata o comezo do encontro para ver o novo plan de Yago Iglesias para superar ao rival máis forte do que vai de tempada.
Ademais do noso internacional, tamén será baixa Martín. O extremo compostelán non poderá estar ante o Racing Vilalbés por lesión. Pola súa parte, Make será dúbida ata última hora polo que haberá que agardar ata o comezo do encontro para ver o novo plan de Yago Iglesias para superar ao rival máis forte do que vai de tempada.
Domingo pola tarde.
Este domingo pola tarde, ás 17 horas, visítanos o líder do grupo. Encontro moi importante contra un equipo que está a escribir a súa mellor historia e onde os nosos precisan da mellor afección da categoría na Tribuna de San Lázaro. Para os que non sexan socios, as entradas estarán a un prezo de 10 euros para o público xeral maior de 18 anos, 5 euros para rapaces de entre 17 e 14 anos e de balde para menores de 14 anos.
Quen non poida achegarse ao campo poderá escoitar o encontro en directo a través da 'Esedé Radio', na web oficial do clube, ou seguilo a través das redes sociais tanto da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, coma no Twitter do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario