Ata que o Dubra empatou

O Compos non puido voltar de Bembibre cos tres puntos despois dun partido sen moitas ocasións de perigo. Un partido gris dos nosos, de novo cun mal segundo tempo, onde o colexiado parece que se pasou co tempo engadido. Catro goles, dous deles xa fóra do tempo regulamentario, no que xa é o terceiro empate dos nosos fóra da casa. Un gol de Tomás, do mellor dos nosos, e outro de Santi, que rematou o encontro quente contra algún xogador local, non serviron para facerse con tres puntos despois dun segundo tempo onde puido ser moito peor. 

Bo comezo.
O partido comezou cos nosos facéndose coa posesión da pelota. A iso hai que sumar a boa presión ante a posible saída coa pelota dos locais evitando algunha contra rápida. Sen embargo, para non variar, as ocasións non chegaban sobre a porta defendida por Brais. Había que agardar por un erro da defensa dubresa para poder facer algo máis importante. 
E ese erro chegou. Superado o ecuador do primeiro tempo, a defensa local fallou nun despexe, cae a pelota a Samu e éste déixalla a Tomás. O vigués desfaise dun defensa e supera ao porteiro cun tiro cruzado. Primeiro gol e a aguantar o marcador unha vez máis cos partidos ante o Céltiga e o Castro aínda na mente.

Gañando ata o tempo de lecer. 
Despois do gol, o Dubra revertíu os papeis. Os de Baleato fixéronse coa posesión da pelota e apretaron ante un Compos que, por primeira vez, chegou ao final dos primeiros corenta e cinco minutos por diante no marcador lonxe de San Lázaro. Sen embargo, non foi sen sorte xa que Lucas tivo que evitar varias ocasións de perigo dun equipo que aproveitou á perfección cada contraataque. 

Outro conto trala reanudación.
O segundo tempo comezou de xeito moi diferente. O Dubra buscou a portería dende o primeiro minuto e tardou algo máis de cinco en atopar o camiño do gol. Un gol que chegou despois dunha falta sen demasiado perigo no centro do campo, mal despexe da defensa, faise coa pelota Eloy, centro raso e Bendaña anota o empate. 
E se despois do gol branquiazul a pelota e o bo xogo pasou a ser para o Dubra, despois do empate pasou a mellorar o Compos. Aínda así, o Dubra aínda tivo outra máis antes de que a Esedé puidera case reaccionar. Aínda así, a segunda metade non tivo case ocasións de perigo en ningunha das dúas porterías.

E un final de infarto.
Se os cinco últimos minutos do encontro foron intensos con ata tres ocasións perigosas para o Compos, peor foi o tempo engadido. O colexiado engadíu, supostamente, tres minutos e as cousas non puideron estar máis tolas. 
Os de Yago Iglesias tiveron as mellores dos últimos intres do encontro, do tempo regulamentario, e o guión mantívose no comezo do engadido. Mitogo achegouse á área local, foise do porteiro e centrou ao segundo pau. Santi, que entrou na segunda metade por Nogueira, anotou o seu cuarto gol no que vai de tempada coa testa. Un gol que valía tres puntos de ouro. Un gol que suporía a primeira vitoria deste equipo lonxe de San Lázaro esta campaña.
Ante o gol e a entrada de Mon ao terreo de xogo, o colexiado decidíu sumar algo máis de tempo ao partido. Pero algo máis foi ata que o Dubra empatou. Superados os catro minutos xa de engadido, Eloy aproveitou un barullo dentro da área visitante e bateu a Lucas. Un gol fóra de tempo e que supón un novo empate a domicilio. 

Xa non hai tempo para pensar neste empate, onde o Compos mereceu máis, e xa hai que preparar a chegada a San Lázaro do Racing Vilalbés, líder da categoría e que non coñece a derrota nestas primeiras sete xornadas de competición.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo; Samu, Make; Martín (Diego Rey, min. 62), Tomás (Mon, min. 93), Mitogo; e Nogueira (Santi, min. 75).
CARTÓNS: Amarelos para Cabrejo e Samu.
GOLES: 0-1 22' Tomás, 1-1 51' Bendaña, 1-2 91' Santi, 2-2 94' Eloy. 
CAMPO: Juan Baleato.

Ningún comentario:

Publicar un comentario