O Compos segue contando os seus partidos na casa por vitorias. Este domingo visitábanos o líder e, con moito sufrimento, chegou a cuarta vitoria desta campaña, cuarta tamén na nosa casa. O Racing Vilalbés, que gozou das mellores ocasións do encontro, foi a menos cando quedou con dez homes sobre o campo. David Nogueira, que entrou por Santi na primeira metade, foi o autor do único gol do encontro onde outra das boas novas foi a volta aos terreos de xogo de Cardeñosa.
Bo primeiro tempo.
A primeira metade estivo moi igualada. Posesión repartida entre ambos conxuntos e, ata case os quince minutos de xogo, sen ocasións. De feito, o Racing Vilalbés foi o primeiro en avisar cunha dobre ocasión que non atopou portería. Así se demostrou que os chairegos eran superiores en ataque ante un equipo lento en labores defensivas.
O Compos foi a máis co paso dos minutos facéndose coa posesión da pelota. Superado o ecuador do primeiro tempo, as oportunidades para adiantarse chegaron. Tomás, do mellor nos últimos encontros, tivo dúas ocasións moi importantes e claras poñendo en serios problemas ao porteiro do Racing Vilalbés.
O Vilalbés perdoou de máis.
O Racing Vilalbés gozou das mellores ocasións no primeiro tempo e no comezo do segundo. Aínda na primeira metade tiveron dúas oportunidades para poñerse por diante, a primeira despois dun erro de Manu Cedrón que salvou un defensa baixo paus. Minutos máis tarde, foi o longueiro o que evitou o gol visitante.
A segunda metade comezou igual. O Racing Vilalbés saíu ao terreo de xogo cunha marcha máis. Gerardo, mellor dos seus en traballo ofensivo, a piques estivo de asistir a un compañeiro dous minutos despois da reanudación pero de novo salvou o pau os intereses branquiazuis.
Bo partido de Manu Cedrón.
Manu Cedrón estreouse en liga ante a baixa de Lucas. O lugués salvou ao equipo en varias ocasións sendo un dos máis importantes nesta vitoria. Cometeu algún que outro erro cos pés pero, en xeral, mostrou un nivel maior ao da pretempada. Por contra, rematou o encontro cun cartón amarelo por perder tempo cando xa o equipo gañaba e a piques estivo de ver un segundo polo mesmo motivo.
Dous minutos, a chave do encontro.
Hai dúas accións que foron chave no encontro. A primeira, cando aínda non se cumprira a media hora de xogo chegou grazas a un erro do centrocampista Javi Varela por curtar unha ocasión coa man. Un erro co que deixou ao seu equipo con dez a quince minutos para o final co partido moi aberto.
O Compos, que foi de menos a máis no segundo tempo, aproveitou a superioridade numérica para adiantarse. Xogada que comeza Tomás cun pase a Diego Rey e éste asiste a Nogueira, que non perdoa ante o porteiro. Primeiro gol do dianteiro santiagués no mellor momento posible, no partido máis difícil do que vai de tempada.
Aguantar o resultado non é doado.
Se hai algo onde está a ter problemas o noso equipo é á hora de manter o resultado cando vai por diante. En Abegondo, a Illa, Castro e Bembibre, o equipo comezou gañando e rematou perdendo ou empatando. Ademais, na última saída non debemos esquecer que o equipo púxose por diante no minuto 91 e o Dubra empatou no 94, cando todo parecía indicar que chegaría a primeira vitoria lonxe de San Lázaro.
Nesta ocasión, con tres centrais dende a entrada de Cardeñosa, as cousas pareceron ir mellor. O Racing buscou meter unha marcha máis pero sempre atopándose con Manu Cedrón, perdendo todo o tempo posible e sen arriscar.
A pensar en manter a xeira.
O Compos non só leva tres partidos sen coñecer a derrota senón que ademais, xa van catro encontros na casa sumando unha vitoria tras outra. E agora, despois de ascender ata o quinto posto, hai que pensar na visita do Bergantiños á nosa casa na que será a segunda xornada consecutiva na casa.
ALIÑACIÓN: Manu Cedrón; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo; Samu (Julián, min. 54), Make; Diego Rey (Cardeñosa, min. 80), Tomás, Rubén; e Santi (Nogueira, min. 40).
CARTÓNS: Amarelos para Rubén, Tomás, Taboada, Diego Rey e Manu Cedrón.
GOLES: 1-0 76' Nogueira.
CAMPO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario