A pola segunda consecutiva

Segunda xornada consecutiva de fútbol en San Lázaro e segundo partido importante para un Compos con opcións de rematar a novena xornada entre os catro primeiros clasificados. Un partido ante un rival directo por estar na parte alta da táboa alá polo mes de maio e con vellos coñecidos da afección branquiazul. Recibiremos a un Bergantiños moi diferente ao do ano pasado, que salvou a categoría no final da tempada.

De case descender á zona media alta da táboa.
O Bergantiños pechou a pasada campaña sufrindo por manter a categoría. O equipo caballés salvouse na última xornada de liga grazas á vitoria ante o Verín mandando ao Galicia de Mugardos á Preferente Norte. Para evitar pasar polo mesmo este ano, reforzáronse ben no pasado mercado destacando a chegada de Nacho, ex dianteiro da Esedé, e a de Iago Blanco, procedente do Racing Vilalbés.
Polo momento, o Bergantiños ocupa a sétima posición da táboa con 13 puntos despois de oito xornadas. Catro vitorias, só un empate en As Pontes e outras tres derrotas son os datos dun equipo que non queda sen marcar nun partido dende a primeira xornada, cando caeron pola mínima en Barbadás.
A nivel individual hai que destacar a tres xogadores. Dende Carballo chegarán Roberto Piñeiro, Borja Facal e Nacho, tres xogadores con pasado branquiazul e importantes, en maior ou menor medida, na historia da Esedé. A eses tres hai que sumar homes coma Iago Blanco e Alex Pérez, os dous máximos goleadores no que vai de campaña con tres goles cada un.

O gol está asegurado.
Se hai algo claro é que de San Lázaro non é doado que ninguén marche con puntos. Van catro partidos nos que o Compos xoga coma local e catro vitorias. Unha xeira positiva despois de pasar polo campo santiagués equipos coma o Ribadumia, Alondras ou Racing Vilalbés, que chegou á nosa casa sen perder antes ningún partido.
Pola súa parte, o Bergantiños só gañou dous de cinco partidos lonxe de As Eiroas. Abegondo e Ribadumia foron xa conquistados polo equipo de Carballo. A iso hai que sumar que, excepto en Barbadás, sempre anotaron polo menos un gol en cada partido. Lonxe da súa casa, conseguiron 7 de 15 puntos posibles, anotaron 7 goles e encaixaron outros 7 recibindo 4 na súa visita ao Alondras.
A todo iso hai que sumar que o Bergantiños é un dos equipos con máis gol da táboa mentres que o Compos é o que máis goles encaixou ata o momento dos dez primeiros clasificados.

Dúas boas xeiras en xogo.
O Compos suma 7 dos 9 últimos puntos posibles. Dúas vitorias, ambas en San Lázaro, e un empate en Bembibre no treito final do encontro avalan a un equipo que está cada vez máis preto dos postos de promoción de ascenso á Segunda división B. Ademais, hai que recordar que os nosos só coñecen a vitoria cando xogan na casa.
O Bergantiños leva un camiño similar ao noso. Nas tres últimas xornadas conseguiron 7 de 9 puntos empatando en As Pontes e gañando os seus dous últimos partidos na casa, ambos por 3-0 ante Dubra e Castro. Non gañan fóra de casa dende fai mes e medio, na terceira xornada ante o Ribadumia.

Favoritos?
O Compos está obtendo uns resultados inmellorables na casa, anque non se poida dicir o mesmo do xogo ata o momento. Só vitorias no casilleiro branquiazul cando xoga coma local. Pero é iso suficiente para dicir que o equipo é favorito para este encontro?
Botando un ollo aos últimos encontros entre os dous equipos na Terceira división, en San Lázaro ou Santa Isabel, os resultados tampouco axudan. No último enfrontamento entre ambos, a vitoria foi para os nosos por 3-0. Foi na tempada 2012/13, a do último ascenso. Germán, Catú e Yahvé asinaron os tres tantos que serviron para entrar na promoción.
Antes, en 1990, o Bergantiños conseguíu un empate a un gol en Santa Isabel mentres que no 86 a vitoria foi para os de Carballo pola mínima.
Fóra da competición regular, na Copa Deputación, o Compos gañou a pasada tempada en Carballo con goles de Gerard Oliva e Chiño. Polo Bergantiños, Borja Facal anotou o que foi o 1-1 a 20 minutos do final.

Dúas seguidas por primeira vez.
Ata o de agora, o Compos non sabe o que é gañar dous encontros seguidos. A piques estivo de conseguilo Dubra pero a sorte non parece estar do lado dos nosos nos encontros fóra de San Lázaro. Nesta ocasión, segunda cita consecutiva xogando coma local e nova ocasión para manter o fortín santiagués sumando así algo que podería ser o comezo dunha xeira aínda mellor co partido ante o Silva xa á vista. 

Opcións de entrar na promoción.
Ben é certo que só van oito xornadas de liga pero os nosos xa teñen opcións de entrar na promoción de ascenso, un obxectivo moi elevado para o clube nesta campaña. Tamén hai que dicir que non dependemos de nós mesmos pero as posibilidades existen. Para iso habería que gañar ao Bergantiños e que o Céltiga perda ou empate ante o Vilalonga na casa ou ben o Arousa perda en Castro.

Volve Mitogo.
Yago Iglesias terá difícil refacer o equipo por mor das tres baixas coas que chega. Cabrejo, Samu e Martín non estarán dispoñibles. Para cubrir ditas baixas, poderían entrar no once Mon e Cardeñosa, que substituiría a Taboada no centro da defensa recolocando ao ex do Fabril no centro do campo. Ademais, Mitogo estará dispoñible despois de empatar coa súa selección ante Líbano anque só fixo dous adestramentos co grupo dende a súa volta.

Outra tarde de domingo.
Os domingos pola tarde son o momento máis axeitado para ir ver un partido de fútbol e iso sábeno en 'Casa Compos'. Nesta ocasión, o partido será o domingo ás 17 horas. As entradas estarán a un prezo de 10 euros para maiores de 18, a 5 euros para rapaces entre 14 e 17 anos e de balde para menores de 14 anos.
Quen non poida asistir ao encontro poderá escoitalo pola 'Esedé Radio', na web oficial do clube, ou seguilo nas redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, así coma no Twitter oficial do clube ou ben coas conexións en directo no programa da TVG 'A Liga das Cidades'.

Ningún comentario:

Publicar un comentario