O Compos terá este domingo a complicada misión de encadear seis vitorias de seis encontros en San Lázaro. Un partido nada doado ante o CD Barco onde hai que facer esquecer a derrota ante o Silva nun mal partido. O Barco, inmerso nunha boa xeira de resultados, buscará achegarse aos postos de promoción de ascenso no campo do que aínda non saíu ningún punto. Un partido entre históricos.
Se o obxectivo secundario, anque maior en canto a importancia, é o do ascenso, o primeiro que hai que facer é asegurar na casa. San Lázaro, de onde aínda non saíu ningún punto, terá que seguir sendo o campo onde a Esedé demostre a súa forza, a súa superioridade, e onde consiga a maioría dos seus puntos, anque tamén hai que comezar a gañar a domicilio.
Un rival en ascenso.
O Barco está en ascenso. O equipo ourensán suma xa catro xornadas sen coñecer a derrota e subindo dende a décimo segunda posición da táboa. Agora, un mes despois da súa última derrota, son oitavos a só dous puntos do cuarto clasificado, e dun Compos que caeu á quinta posición tralo encontro en A Grela.
Oito puntos de doce posibles avalan a un Barco que vai polo bo camiño. Polo menos, así chega a San Lázaro un dos históricos do fútbol galego que buscará romper a superioridade branquiazul como local. Para iso, o equipo ourensán terá que romper cos malos resultados fóra do seu campo, onde só conseguiron gañar nunha ocasión. Por contra, si hai que destacar que tamén só perderon en Cerceda na primeira xornada.
Ao igual que o Compos, o Barco é un equipo que non queda sen marcar en ningún partido. Os de Javi Rey só quedaron sen marcar na derrota pola mínima ante o Céltiga sendo agora mesmo o equipo máis goleador do grupo con 21 tantos ao seu favor. Por contra, tamén se trata do cuarto gol que máis goles recibe encaixando en tódalas xornadas menos na última, onde conseguiron superar ao Dubra por un gol.
A nivel individual, o Barco conta con tres dos mellores goleadores da categoría. David Álvarez con seis goles, Javi Ballesteros con cinco e Ivi Vales con catro son algúns dos grandes dianteiros deste grupo da Terceira.
Un ou outro.
Dous equipos nun bo momento enfróntanse en San Lázaro superada a cuarta parte da tempada. O Barco non só leva catro partidos sen perder senón que ademais non cae lonxe do seu campo dende a primeira xornada. Ata o de agora, unha vitoria, unha derrota e tres empates a domicilio, todos eles por dous goles. Ben é certo que non son tan fortes coma na casa, pero si que conseguiron case a metade dos seus puntos fóra da casa (6 de 15).Hai que destacar tamén que no último mes anotaron doce goles, sete deles ante o Castro, e recibíu cinco. Un
Pola súa parte, xa todos sabemos que o Compos só coñece a vitoria nos seus partidos en San Lázaro. Con máis ou menos problemas, o de Yago Iglesias é o equipo máis forte da categoría cando xoga de local, só superado polo Racing Vilalbés cun partido máis na casa e igualado co Rápido de Bouzas. A todo iso hai que engadir que só se encaixaron catro goles en cinco partidos anotando once.
Cara e cruz.
Na pasada xornada, os dous equipos conseguiron resultados moi diferentes. O Compos non puido gañar en A Grela nun partido xa difícil dende o comezo. As cousas non saíron ben xa dende antes do asubío inicial con moitas baixas na convocatoria e no once. Co que había non se puido conseguir moito máis ca unha derrota onde o Silva fixo o xusto.
Pola súa parte, o Barco superou pola mínima ao Dubra en Calabagueiros grazas a un gol de Ivi Vales no arrinque da segunda metade. O dianteiro de Ponferrada, ademais, xa sabe o que é marcar, e gañar, ao Compos. Agora mesmo suma a súa primeira tempada no fútbol galego despois de cinco anos no Atlético Astorga con dúas tempadas incluidas na Segunda B. Foi na súa primeira tempada na categoría de bronce cando anotou o seu tanto ante a Esedé, no encontro que remataría 4-1 a prol dos casteláns.
Bos precedentes.
Compos e Barco coincidiron catro tempadas. Nesas catro tempadas, os resultados colleitados na capital son máis que positivos para os nosos. Catro partidos, ningún deles en San Lázaro, e que remataron tres con vitoria branquiazul e un con reparto de puntos. En canto a goles, dez para os nosos e dous para os ourensáns nesas catro tempadas na Terceira entre o 86 e o 90.
Semana complicada.
Quen non podería estar ante o Arousa é Tomás. O centrocampista vigués, que para moitos está a ser o mellor do equipo neste comezo de tempada, non podería xogar en A Lomba de ver un cartón amarelo ante o Barco. Veu o cuarto cartón amarelo ante o Silva por protestar e xogará apercibido de sanción.
Yago recupera efectivos.
Yago Iglesias recupera a moitos xogadores para o partido deste domingo. Das cinco baixas coas que contou ante o Silva, unha delas por decisión técnica, a unha polo momento, a falta da convocatoria. Dos mancados, recupera a Cabrejo, Martín e Diego Rey pero mantén unha fin de semana máis a baixa de Samu. Por contra, o adestrador branquiazul terá que facer algún que outro descarte antes da lista final de 16 xogadores.
Día de deportes.
O domingo será un día de deportes na capital galega. Pola mañá, as rúas de Santiago estarán cheas de atletas para a 39 edición da Carreira Pedestre de Santiago, un dos eventos máis importantes da cidade. E pola tarde, dende as 17h, San Lázaro acollerá a undécima xornada de Liga entre o Compos e o Barco.
E coma sempre, as entradas para o partido custarán 10 euros, 5 euros para rapaces entre 14 e 17 anos e de balde para menores de 14 anos. Ademais, o clube e Rei Zentolo, tenda oficial do clube, poñen a disposición dos afeccionados unha gran oferta: mercando na tenda oficial algo máis de 40 euros, unha invitación para o seguinte partido.
Para quen, por contra, non poida asistir ao encontro, poderá seguilo polas redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, e no perfil de Twitter oficial do clube. Ademais, unha semana máis poderá escoitarse en directo na 'Esedé Radio', na web oficial, coa posibilidade de gañar entradas para o partido ante o Órdenes da vindeira fin de semana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario