Bembibre garda tres puntos de ouro

Compos e Dubra enfrontaranse esta fin de semana na sétima xornada de liga. Un partido onde os tres puntos son de vital importancia para ambos equipos, ben para seguir na loita por estar na parte máis alta da táboa no caso branquiazul ou ben por saír dos postos de descenso, obxectivo dos locais despois dun comezo de tempada que deixa moito que desexar.

Segundo equipo en descenso.
Levamos seis xornadas, sete con ésta, e o Dubra será o segundo equipo que se enfrontará ao Compos ocupando un dos postos de descenso. O equipo de Bembibre, dirixido por Chus Baleato, recibirá á Esedé coa intención de sumar a primeira vitoria nesta Terceira división. E é que os de amarelo non conseguiron nada mellor que empatar ata o de agora sumando catro empates en seis partidos.
Os dubreses recibirán ao Compos con algún ex branquiazul nas súas filas. Munín, 'Cholo', Ferreiro e Juan Caneda, ademais do adestrador Baleato, veranse as caras cun equipo onde militaron durante algunha etapa da súa carreira deportiva.
No que vai de tempada, despois de mes e medio de fútbol, son un dos tres equipos da categoría que aínda non coñecen a vitoria. Sen embargo, tampouco se trata dun equipo fácil de gañar xa que dos seis encontros que xogaron ata o momento conseguiron puntuar en catro perdendo só dous lonxe da súa casa, en Ribadumia e Cangas. Por contra, empataron ante Céltiga, Castro, As Pontes e Racing Vilalbés, sendo o primeiro equipo que puntúa ante os lugueses.
A nivel individual, ningún xogador anotou máis dun gol ata o momento. Daniel Moto, Vicente, Xaime, Adrián e Gonzalo Suárez anotaron cada un un gol ata o de agora sumando xa cinco goles en total.

A facer mellores os bos resultados.
Os dous equipos chegan despois de conseguir moi bos resultados a pasada fin de semana. O Dubra, na casa, conseguíu empatar sen goles ante o Racing Vilalbés. Un empate importante en canto á clasificación para os dubreses e, sobre todo, para a competición amosando que ao equipo lugués tamén se lle pode sacar algún punto despois de cinco vitorias consecutivas, un equipo que visitará San Lázaro na oitava xornada de liga.
Pola súa parte, o Compos conseguíu unha vitoria de ouro nos últimos minutos do encontro ante o As Pontes, outro equipo da zona baixa da táboa e que deu moitos problemas ao equipo de Yago Iglesias. Tres puntos importantes para manter a imbatibilidade de San Lázaro, polo menos, dúas semanas máis.

O Compos chega de favorito.
Ademais do que se ve na clasificación e do nivel dos equipos, o Compos chega coma favorito a este encontro grazas aos últimos resultados en partidos entre os dous conxuntos. Fai algo máis de catro anos e medio, na Preferente Norte e con Anxo Casalderrey no banco visitante, a Esedé volveu de Bembibre cos tres puntos grazas a un 0-3 cun gol de Damián e dous de Roberto Piñeiro. Nesa mesma tempada, en San Lázaro, o resultado foi de 3-1 para os nosos nunha campaña onde a Esedé conseguiría o ascenso á Terceira división despois de dous anos na Preferente. A tempada anterior, por contra, o resultado foi de 0-0 na derradeira xornada de liga.
Esta será a primeira vez que se vexan as caras na Terceira división despois do histórico ascenso do Dubra á categoría.

Os dous buscan a primeira.
O Compos buscará en Bembibre a que sería a primeira vitoria lonxe de San Lázaro desta tempada. Despois de tres saídas, que se pecharon con dúas derrotas e un empate, á cuarta pode chegar a primeira. Sen embargo, o de Bembibre non parece ser un campo do que saian os puntos con facilidade.
O Dubra, que sabe que cos tres puntos podería saír dos postos de perigo, aínda non sabe o que é gañar nesta tempada. Por contra, tampouco perderon nunca esta tempada xogando coma locais. Tres empates de tres encontros con ata catro goles por bando en total quedando só o partido ante o Vilalbés sen goles ata o momento. O Céltiga foi quen de poñerse 0-2 rematando o encontro con 2-2 mentres que o Castro puido adiantarse no inicio do partido, remontaron os locais e, cun novo gol lugués, ao final repetiuse o empate a dous goles.

Mantense o bloque.
Yago Iglesias mantén o bloque na convocatoria ao igual que nas pasadas xornadas. O adestrador mantén baixas coma a de Cardeñosa, que aínda non se puido estrear esta tempada. Tampouco estarán Juan Rey, Ander e Ube. A lista definitiva é a seguinte: Lucas, Manu Cedrón; Saro, Taboada, David Rey, Cabrejo, Mon, Samu, Make, Julián, Martín, Diego Rey, Tomás, Mitogo, Santi e Nogueira.
Pola súa parte, Baleato terá a baixa de Mato despois de ser expulsado no partido ante o Racing Vilalbés a pasada fin de semana.

Bo horario.
De novo, este domingo haberá partido. Nesta ocasión, a distancia ao campo rival non deberá ser ningunha excusa para non ir a ver ao Compos fóra de San Lázaro. Unha excursión de menos de 30 kilómetros, moi preto da capital, e o prezo das entradas, ao igual que en tódolos campos da categoría, será de 10 euros para adultos mentres que os rapaces entre 14 e 17 anos pagarán 5 euros por persoa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario