Sen sufrimento non hai Compos

O Compos segue contando os seus partidos na casa por vitorias. Ante o As Pontes, un rival que chegaba nun mal momento, parecía que non habería tantas dificultades pero, unha vez máis, a segunda metade puido rematar moi mal. Con remontada incluida e un gol cando o encontro estaba a piques de rematar, os tres puntos quedaron na casa. Ndi fixo o primeiro gol do equipo pontés mentres que Santi asinou o empate poucos minutos despois e Diego Rey fixo o segundo. 

Xa son tres.
Para o terceiro encontro do curso en San Lázaro, Yago Iglesias comezou coas rotacións dando descanso a Cabrejo e Make e dando minutos a Mon na banda esquerda, onde cumpriu. E con el chegou a terceira vitoria da tempada e achegándose aos postos de promoción de ascenso, obxectivo moi alto para o equipo, sen aínda saber o que é gañar fóra de San Lázaro nesta Terceira división, onde parece que as vitorias están moi caras.
Ao anterior hai que sumar o troco de sistema táctico. Do 4-1-4-1 habitual, o adestrador santiagués pasou a un 4-2-3-1 con dobre pivote para reforzar a defensa en determinados momentos do xogo. 

Posesión e tranquilidade. 
A Esedé buscou primeiro facerse coa pelota e despois ir a pola portería rival. Tranquilidade e fútbol de toque conseguindo unha falta moi perigosa cando non se cumprira aínda o segundo minuto de xogo. Unha falta que foi a única chegada dos nosos nos primeiros corenta e cinco minutos. Pero a diferenza doutros partidos, parecía que o equipo estaba a sentirse seguro coa posesión da pelota ante un As Pontes metido no seu campo. 
O equipo pontés, ante o plantexamento local, buscou facer perigo á contra aproveitando a velocidade de Ndi, presente en cada xogada de ataque dos seus. O senegalés foi o autor da primeira ocasión visitante e, na seguinte xogada, do gol pontés. Á súa velocidade, grazas á que puido poñer en apuros a Lucas, moi seguro unha vez máis, hai que sumar a potencia de salto para superar en altura aos defensas branquiazuis e anotar o primeiro tras un córner. 

Rápida reacción.
Cando mellor parecía estar o Compos chegou o gol do As Pontes. Sen embargo, a reacción non tardou en chegar máis de dous minutos. Santi devolveu o empate ao luminoso despois de roubar un balón en campo contrario e bater ao porteiro cun disparo por baixo, no oco que deixou o porteiro entre el e a madeira. 
Tamén Martín, que está a amosar un gran nivel despois da lesión que o deixou fóra dúas xornadas, puido superar a Paco cun disparo que saíu lonxe da portería despois de desfacerse da defensa pontesa. Peor sorte houbo minutos despois, tras unha chegada pola banda de Saro. O centro do lateral petou nun defensa que tivo que sacar a pelota na mesma liña de gol co porteiro xa batido. E Santi conseguiu a derradeira ocasión do primeiro tempo cun testarazo que sacou a zaga na liña.

Nova mala segunda metade. 
Se por algo se está a caracterizar este equipo é pola baixada de intensidade na segunda metade. Trala reanudación, o As Pontes fixo méritos para adiantarse de novo con dez minutos de ataque sen freo. Por sorte, a defensa apareceu cando máis falta fixo e Lucas volveu a demostrar por que é o titular por diante de Manu Cedrón evitando algo que, visto o visto sería moi difícil de arranxar.

Incapaces. 
Co paso dos minutos, os dous equipos parecían incapaces de achegarse á portería rival. O cansanzo chegou ás pernas dos xogadores e nin os trocos serviron para que durante un bo treito da segunda metade se puideran ver ocasións de perigo. Moitas entradas, cartóns e pouco fútbol nun segundo tempo do que o As Pontes parecía saír mellor parado.

Un final de infarto.
O partido non puido ter un final mellor. Despois de máis de media hora sen ocasións, o Compos meteu a directa e, a seis minutos para o final, chegou o tanto da vitoria. Unha fermosa xogada que comeza Julián cun centro ao segundo pau, tócaa Mon sen deixala caer e Diego Rey só ten que empurrar a pelota ao fondo das redes. Un golazo co que estoupou San Lázaro. 
Pero o As Pontes, en especial Ndi, non dixera a súa última palabra. O equipo pontés aínda gozou dunha ocasión de perigo no tempo engadido. Un testarazo do senegalés na área que petou no longueiro por moi pouco salvando a vitoria branquiazul. Tamén no engadido, Lucas tivo que meter unha man para mandar a que foi a última ocasión visitante. 

Agora, con tres puntos máis no peto, toca pensar na visita a Bembibre da vindeira fin de semana. Un novo partido ante outro equipo en postos de descenso, o Dubra, e que tampouco sabe o que é gañar neste comezo de liga. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Taboada, Mon; Samu (Make, min. 76), Diego Rey; Mitogo (Tomás, min. 53), Julián, Martín (Rubén, min. 80); e Santi. 
CARTÓNS: Amarelos para Taboada, Santi e Mon.
GOLES: 0-1 14' Ndi, 1-1 16' Santi, 2-1 83' Diego Rey.
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario