Visita histórica

O vindeiro domingo, o Compos visitará por primeira vez o campo do CD Castro. Un recén ascendido que ten este partido coma algo histórico xa que recibirán a un ex equipo de Primeira división, algo ao que sumar que é a primeira tempada na historia do clube lugués na Terceira división. Un equipo que recibirá aos nosos despois de gañar o seu único partido na casa no que vai de curso e co obxectivo de gozar desta tempada e asinar a permanencia.

Un recén ascendido con ilusión.
O Castro, recén chegado á Terceira división, recibirá ao Compos con moita ilusión. Así o demostraron cun cartel para o partido onde destaca a frase "Xa xogan na mesma liga". Voltando xa ao tema deportivo, o equipo de Castro de Rei parece que vai de menos a máis despois de perder os dous primeiros encontros, os dous lonxe da súa casa, e sumar 4 puntos nos dous últimos gañando o que foi ata o de agora o seu único partido coma local ante o As Pontes. 
O equipo da Terra Cha é un dos que máis goles suma da zona media baixa da categoría con seis tantos ata o momento. Por contra, tamén se trata dun dos equipos que máis goles encaixou nas catro primeiras xornadas, sumando oito e igualando este dato co Compos. 
A nivel individual, destaca o goleador Xaime, autor de 4 goles, e Iván González, xogador con experiencia e que voltou ao equipo da súa terra non só para conseguir un ascenso histórico senón tamén para ser unha peza chave no Castro de Terceira.

A vitoria, obxectivo común. 
O Compos aínda non sabe o que é gañar lonxe de San Lázaro nesta tempada. Unha derrota e un empate en dous partidos onde se puideron ver un gran número de goles. Na última saída, o resultado final foi de 2-2 ante o Céltiga na Illa de Arousa. Ademais, na pasada xornada os tres puntos quedaron en Santiago. 
Pola súa parte, o Castro buscará manter a calidade de invicto na súa casa despois de superar ao As Pontes grazas a dous goles de Xaime dende os once metros facendo insuficiente o gol de Rubén Pardo. 

Dúas xeiras positivas en xogo.
Dous equipos que suman dúas e tres xornadas sen perder respectivamente. Pola parte da Esedé, os de Yago Iglesias sumaron sete dos nove últimos puntos. Dúas vitorias ante Ribadumia e Alondras na casa e un empate ante o Céltiga mostran unha mellora no equipo en canto a xogo e resultados despois da dura derrota na primeira xornada.
Pola súa parte, os de Castro de Rei suman catro dos últimos seis. Á vitoria ante o As Pontes hai que sumar un empate ante o Dubra a pasada fin de semana a dous goles, obra de Vicente e Xaime de novo dende os once metros.

Cardeñosa segue de baixa. 
Cardeñosa segue a ser a única baixa por lesión no equipo de Yago Iglesias. Ante isto, o adestrador fixo unha convocatoria na que se atopan: Lucas, Manu; Saro, Cabrejo, Mon, David Rey, Taboada, Samu, Julián, Santi, Mitogo, Nogueira, Tomás, Martín, Diego Rey e Make.

Repetimos horario. 
O horario desta quinta xornada será o mesmo que a primeira. O Compos visitará o Novo Municipal de Castro, en Castro Ribeiras do Lea, o domingo ás 12 da mañá. Quen se achegue ao campo lugués terá que pagar 10 euros, coma en tódolos campos da categoría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario