O Compos sumou tres puntos de ouro ante un gran Alondras nun encontro moi igualado. Un partido sen case ocasións de perigo onde se puido ver unha melloría defensiva importante ademais da idea, xa máis clara, do estilo de xogo que propón Yago Iglesias. Un fútbol de toque pero con problemas importantes á hora de finalizar as ocasións. Para gañar houbo que agardar a unha xenialidade de Samu cando todo facía pensar nun empate sen goles.
Seguridade defensiva.
Coa chegada de Yago Iglesias chegou de novo o fútbol de toque a San Lázaro. Un estilo de fútbol que comparte con Fredi e que parece que comeza a dar os seus froitos. A iso hai que sumar que temos xa no casilleiro dúas vitorias como locais. E é que este novo fútbol trae tamén, ou polo menos ante o Alondras, un pouco máis de seguridade en defensa, unha das cousas a mellorar tras as tres primeiras xornadas de liga.
Lucas, o mellor do primeiro tempo.
O Alondras buscou o gol á contra nos primeiros corenta e cinco minutos. Ao non gozar da posesión da pelota, os cangueses tiveron que buscar a porta a base de velocidade. E así foi como chegaron as dúas mellores ocasións do primeiro tempo, onde o Compos non foi quen de poñer case en perigo a porta de Lorenzo. Por contra, o Alondras tivo ata dúas ocasións moi perigosas ante as que Lucas reaccionou da mellor maneira demostrando un gran nivel baixo paus.
Mellor na segunda metade.
O partido non parecía que remataría con goles despois dun primeiro tempo moi desputado no centro do terreo de xogo e sen apenas ocasións. Un partido moi trabado pero que pareceu mellorar co paso dos minutos. Tamén cabe destacar a apertura do xogo branquiazul cara as bandas con Saro e Cabrejo gañando protagonismo e conseguindo así mellores chegadas á portería de Lorenzo, tamén seguro defendendo aos seus.
Imposible frear a Samu.
Samu puido destacar por ser o único xogador da Esedé que rematou cun cartón amarelo pero fíxoo tamén por demostrar, unha vez máis, ser un experto nos disparos dende lonxe. Na pretempada asinou dous goles dende fóra da área e contra o Alondras quixo demostrar que non foron casualidade. Un dereitazo impresionante que pasou por enriba do porteiro, un chisco adiantado, e baixou no momento xusto para pegar no longueiro e entrar na portería. Un golazo.
E a pasalo mal.
Se hai algo que caracteriza ao Compos nestes últimos anos é a dificultade á hora de pechar os partidos. Así volveu pasar ante o Alondras xogando con lume os últimos minutos onde os pontevedreses meteron unha marcha máis e pecharon aos locais na súa área. Algo máis de dez minutos de sufrimento nos que houbo dúas ocasións moi claras onde puido chegar o empate, anque de novo apareceu a mellor versión de Lucas para meter á Esedé entre os dez primeiros despois de catro xornadas.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo; Samu, Make, Diego Rey (Mon, min. 76); Tomás (Julián, min. 76), Martín e Santi (Mitogo, min. 67).
CARTÓNS: Amarelo para Samu.
GOLES: 1-0 79' Samu.
CAMPO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario