O Compos volveu caer nun partido un domingo pola mañá. O horario parece ser o peor para os nosos que xa suman dúas derrotas en dous encontros. Nesta ocasión, o Castro gañou con merecemento a un equipo que non fixo por gañar nos segundos corenta e cinco minutos. Un partido no que, ademais, repetiuse o guión de fai dúas semanas ante o Céltiga. A Esedé púxose por diante e os locais, xa na segunda metade, deron a volta ao marcador. Unha vitoria moi celebrada por un equipo que parece estar a facer moi ben as cousas.
Dominio sen premio.
A Esedé saíu ao terreo de xogo coa única intención de gañar o partido facéndose coa posesión da pelota e realizando un bo fútbol. A posesión si que foi para os nosos pero sen conseguir levar perigo á porta local en máis de media hora. E iso pasou grazas ao bo traballo defensivo dos homes de Iván Lamas e a forte presión dos seus impedindo a chegada dos atacantes branquiazuis á portería.
Dous goles moi seguidos.
Na primeira metade puidemos gozar de dous goles no Municipal de Castro. De feito, do primeiro ao segundo só houbo tres minutos de diferenza pasando a ledicia dun bando ao outro. E é que Mitogo puxo primeiro por diante aos santiagueses aproveitando un mal rexeite da defensa despois dun centro de Diego Rey. Un bo gol do ecuatoguineano que se reencontrou con el despois de facelo na primeira xornada en Abegondo, nun partido co mesmo horario.
Mais o bo momento do conxunto branquiazul non tardou moito en desaparecer. O Castro empatou tres minutos despois, cando a afección visitante aínda celebraba o primeiro, grazas a un disparo de Héctor que petou nun defensa antes de entrar na portería de Lucas.
O Castro, mellor na segunda metade.
A segunda parte estivo moi igualada. Os dous equipos buscaron facerse coa posesión da pelota pero con diferentes xeitos de achegarse á porta contraria. Foron os lugueses os que, a base dun xogo máis directo, puxeron máis en perigo a portería de Lucas avisando aos dez minutos con disparo que petou na madeira.
Os trocos tampouco serviron aos de Yago Iglesias para mellorar en ataque. Nin polas bandas nin polo centro. A presión imposta polos xogadores do Castro inutilizou o xogo táctico branquiazul aumentando as opcións dun equipo que chegaba ao encontro tomándoo coma algo histórico e a vitoria coma un soño máis lonxe do que realmente estaba.
Un gol para sentenzar.
A vinte minutos para o final, o Castro matou o encontro. Despois de varias chegadas polas bandas, Iván González asinou o que sería o tanto da segunda vitoria dos seus na Terceira división. Gran gol chegando pola esquerda e ante o que nada ou moi pouco puido facer Lucas para evitalo.
O gol serviu para matar o encontro definitivamente. Nin coa entrada de David Nogueira mellorou a imaxe do Compos en ataque na segunda metade, que non puido case nen poñer en perigo a porta defendida por Yebra.
Unha derrota que deixa ao Compos un chisco tocado animicamente coa mirada posta no encontro ante o As Pontes da vindeira fin de semana. Pola súa parte, o Castro ascende na táboa e suma os mesmos puntos que a Esedé, á que xa pasa grazas a esta vitoria.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo; Samu (Nogueira, min. 76), Diego Rey (Diego Rey, min. 54), Make, Julián, Mitogo; e Santi (Tomás, min. 54).
CARTÓNS: Amarelos para Samu, Mitogo, Tomás, David Rey e Martín.
GOLES: 0-1 34' Mitogo, 1-1 37' Héctor, 2-1 72' Iván González.
CAMPO: Novo Municipal de Castro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario