Obxectivo común

Compos e As Pontes xogarán este domingo cun único obxectivo na mente: a vitoria. Dous equipos necesitados de gañar enfróntanse en San Lázaro para alonxarse dos postos baixos da táboa. Un partido onde sumar os tres puntos é obrigatorio ante un conxunto en horas moi baixas. Ademais, está en xogo manter o estadio branquiazul coa porta de saída de puntos pechada na que será a reedición do partido de Copa RFEF onde os ponteses gañaron nos penaltis.

Un As Pontes que non coñece a vitoria.
Visita Santiago un equipo que, despois de cinco xornadas, aínda non sabe o que é gañar en liga. Un As Pontes descoñecido, que loitará por non descender á Preferente Norte e que só foi quen de empatar en dúas ocasións, ambas xogando coma locais, e que fóra da súa casa só fixo un gol. Un histórico do fútbol galego que non está a pasar un bo momento poñendo a permanencia coma obxectivo principal de cara ao mes de maio se as cousas non melloran.
Un conxunto que, ademais de non saber o que é a vitoria no que vai de tempada, tampouco sabe o que é puntuar lonxe da súa casa. Dúas derrotas en dous encontros con algo máis en común: nos dous encaixaron dous goles en cada un. Caeron na Illa de Arousa ante o Céltiga na primeira xornada mentres que, quince días máis tarde, tamén sufriron unha derrota en Castro Ribeiras do Lea ante o Castro polo mesmo resultado ca os nosos a pasada xornada.
A nivel individual, pouco se pode contar a estas alturas dun equipo que só leva ao seu favor dous goles. Si destaca que o As Pontes sexa un dos equipos con máis expulsados ata o de agora (2) ademais de contar co xogador con máis cartóns amarelos. Edy viu xa catro cartóns no que vai de tempada sen ser expulsado tampouco en ningún partido.

Ningún chega con vitoria.
Ningún dos dous equipos chegan a este partido despois de gañar a pasada xornada. O As Pontes si que puido puntuar na cita na que recibiron ao Dubra o domingo anterior. Un partido onde os visitantes adiantáronse mentres que o As Pontes empataron xa na segunda metade grazas a un gol de Pablo.
Pola súa parte, a Esedé non puido puntuar sequera no Novo Municipal de Castro. Un encontro onde os de Yago Iglesias fixeron un segundo tempo para esquecer. De ir gañando a empatar antes do final do primeiro tempo e caer definitivamente no segundo facendo pensar no partido ante o Céltiga, onde pasou case o mesmo pero rematando con derrota.

Segundo enfrontamento no que vai de curso.
Hai menos dun mes, Compos e As Pontes xogaron na fase previa da Copa RFEF en O Poboado. Adiantáronse os nosos grazas a un gol de Ube aos quince minutos de xogo. Tamén a quince minutos, neste caso para o final do partido, empatou o equipo local grazas a un gol de Cris ante o que Cedrón, titular nun partido onde moitos dos menos habituais gozaron de minutos.
Empate a un gol co que remataron os noventa minutos regulamentarios levando o partido á tanda de penaltis. Dende os once metros, o As Pontes gañou por 4-2 grazas ás paradas do seu porteiro aos disparos de Taboada e Make. 

Só unha vitoria visitante.
O equipo de O Poboado visitou San Lázaro ata en sete ocasións. Neses sete encontros, o Compos conseguíu en catro mentres que dous remataron en empate. Só un deses rematou en vitoria para os ponteses alá polo ano 1967 rematando cun contundente 0-5. Por parte dos nosos, destacan as vitorias por 7-1 do 65, 5-0 no 67 e 4-1 no 68.
A derradeira visita do As Pontes ao estadio branquiazul rematou cun resultado de 3-0 grazas aos goles de Peláez, Franqueira e Martín, de novo nas filas do equipo da capital. 

Un invicto ante un que descoñece a vitoria.
O equipo dirixido por Pablo López aínda non sabe o que é gañar lonxe da súa casa no que vai de tempada. Nin sequera saben o que é puntuar fóra de O Poboado. Dous partidos e dúas derrotas sen apenas opcións para, polo menos, facerse cun punto que lle manteña con vida neste arrinque de tempada, ocupando actualmente un dos postos de descenso.
Por contra, o Compos suma dúas vitorias de dous encontros. Un cen por cen de vitorias en San Lázaro, algo que se buscará manter este domingo contra un equipo moi reforzado no pasado mercado de verán.

Cardeñosa ultima a súa recuperación.
Cardeñosa xa está rematando a súa recuperación. O defensa xa adestra co resto dos seus compañeiros, anque aínda non está para xogar ante a falta de ritmo de competición. Por contra, mantén ao resto do equipo á súa disposición con opcións suficientes para facer rotacións.

Un domingo máis.
Domingo ás 18 horas. Bo horario para un encontro complicado en San Lázaro e onde se agarda unha mellor entrada con respecto aos dous anteriores partidos xa con peor tempo. As entradas, coma toda a tempada, estarán a un prezo de 10 euros para adultos, 5 euros para rapaces entre 17 e 10 anos e de balde para menores de 10 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario