O Compos buscará este domingo demostrar que cada semana o equipo vai a mellor. Chega a San Lázaro un dos mellores equipos da categoría, ben reforzado e con aspiracións importantes de cara ao final da tempada. Un Alondras que ven ocupando un posto de promoción de ascenso e que aínda non coñece o que é a derrota no que vai de curso.
Outro histórico.
Despois do empate ante o Céltiga, outro histórico do fútbol galego será o rival dun equipo con moito traballo por diante para cumprir co obxectivo principal deste ano, que non é outro que asinar a permanencia o antes posible realizando un bo xogo. O Alondras, cuarto clasificado agora mesmo, buscará no feudo branquiazul sumar unha nova vitoria, que sería a primeira do equipo de Cangas lonxe do seu campo. E é que as dúas vitorias conseguidas ata o momento foron ambas xogando de locais mentres que na súa primeira visita a As Pontes chegou o seu primeiro empate.
Nas filas do equipo cangués hai xogadores importantes da talla de Pablo Couñago. onde parece que xogará os seus últimos encontros, e vellos coñecidos coma Óscar Fondevila, que deixou a Segunda B para contar con minutos de novo na Terceira galega, Lorenzo, ex porteiro na Esedé, e Mateo Mariño, formado nas categorías inferiores do Compos e que proba sorte fóra de Santiago.
A estrea esta tempada do Alondras foi moi positiva. O equipo de Jacobo Montes gañou o seu primeiro encontro ante o Castro, un recén ascendido. O seu único encontro lonxe da casa, na segunda xornada, pechouse cun empate sen goles en O Poboado. Mentres que a pasada fin de semana superaron ao Dubra por dous goles de diferenza. Hai que engadir ademais un dato curioso e é que nos tres encontros desputados ata o de agora, os tres rivais do Alondras remataron os encontros cun xogador menos.
Bos locais, non tan bos visitantes.
O Compos non tivo problemas para gañar o seu primeiro encontro en San Lázaro este curso. Pola súa parte, o Alondras superou sen complicacións as dúas citas no Morrazo. Sen embargo, ningún dos dous foi quen de gañar lonxe da súa casa. Os mellores resultados de ambos a domicilio foron de empates, sen goles por parte dos de Cangas na súa única saída.
Na casa, o Compos sumou a que é ata o de agora a súa única vitoria en tres encontros. Sen complicacións ante un Ribadumia que non puido facer nada ante os tres goles branquiazuis, dous deles antes do final do primeiro tempo. Por contra, o Alondras non foi quen sequera de mover o resultado inicial ante o As Pontes. Un partido onde os ex branquiazuis Lorenzo e Fondevila saíron da partida.
Unha cita histórica.
Ata o momento, o Alondras visitou Santiago ata en catorce ocasións. Quince visitas das que só puideron gañar unha vez, alá polo ano 1966. En canto aos locais, o Compos fíxose cos 3 puntos ata en 9 partidos mentres que os catro restantes remataron en empates, todos eles con goles. Outro dato a ter en conta son os goles nestes enfrontamentos. Ata 62 goles repartidos en 49 para os branquiazuis e 13 para os pontevedreses.
Numerosas goleadas.
Se este encontro durante a historia se pode recordar por algo en especial é polas goleadas vividas. Un 6-0, dous 5-0, tres 4-0... e un 8-3. Na última visita do Alondras a San Lázaro, o Compos asinou a maior goleada vivida nos últimos anos con Fredi xa no banco local. Un encontro no que estivo tamén presente Martín, de novo nas filas da Esedé, e que foi autor de dous goles. Tamén anotaron por partida dobre Joselu, Franqueira e Jacobo na que foi a última campaña na Terceira galega ata o de agora.
A seguir polo bo camiño.
O Compos sumou a pasada semana na Illa de Arousa o seu primeiro empate esta tempada. Un partido con moitos goles, sen un xogo vistoso, e onde a entrada de Martín e Tomás foron importantes para asinar un empate. O propio Tomás e Julián foron os autores dos dous tantos branquiazuis ante un Céltiga que tivo a vitoria na man despois de remontar un gol de desventaxa.
Pola súa parte, o Alondras conseguiu ante o Dubra a súa segunda vitoria do curso. Un dos poucos equipos que aínda non coñecen a derrota esta tempada e que sufriu para gañar no Morrazo con dous goles nos derradeiros vinte minutos de xogo, obras de Johnny e Andrés. Un partido onde cabe destacar que os locais remataron con dez xogadores e cinco deles con cartón amarelo.
Case todos dispoñibles.
Só Cardeñosa, aínda en proceso de recuperación, será baixa no equipo de Yago Iglesias. Tódolos demais efectivos estarán dispoñibles para a segunda cita na casa este curso obrigando ao adestrador a descartar ata seis xogadores para a convocatoria final.
Domingo á tarde.
Despois da cita ante o Ribadumia o sábado pola tarde, algo que non gustou a moitos afeccionados, esta ocasión haberá que ir a San Lázaro o domingo. 18:30 horas e con entradas a prezos de 10 euros para maiores de 17 anos, 5 euros para rapaces entre 10 e 17 anos e de balde para os menores de 10 anos. Nesta ocasión non haberá televisión en directo para ver o encontro fóra do campo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario