O Compos demostrou na Illa de Arousa ter aínda cousas que mellorar. Cun once que xa parece ser case fixo, os de Yago Iglesias non puideron pasar do empate ante o Céltiga nun partido igualado e moi desputado con ocasións para os dous lados. Ata catro goles aproveitando calqueira erro do rival rematando cun empate que a ningún dos dous sabe a moito. Julián e Tomás, no primeiro balón que tocou, asinaron os dous goles branquiazuis.
Cando mellor xoga un, gol do outro.
Algo que caracterizou o encontro foi que cando mellor estaba a xogar un equipo, o outro marcou. Así pasou co primeiro gol do Compos. Sen embargo, antes, cando só pasaran tres minutos de xogo, o Céltiga superou a Lucas cun gol que non subiría ao marcador. Unha maneira de amosar o bo comezo do equipo da Illa.
A superioridade local só se viu freada por algunha chegada sen demasiado perigo do equipo branquiazul. Por iso e por unha xogada que cambiou o encontro totalmente á media hora de xogo. Santi chegou á área local, agardou á chegada de Julián e asistiu ao seu compañeiro, que a puxo fóra do alcance do porteiro. Un gol importante cando mellor parecía estar o rival.
Rápida reacción local.
O Céltiga reaccionou rápido ao gol branquiazul. Tanto que antes de chegar ao final dos primeiros corenta e cinco minutos conseguiron facer o gol da igualada. Un tanto que chegou despois de varios rexeites cun remate final de Diego ante o que nada puido facer Lucas para evitalo. Mesmo resultado ao descanso que ante o Depor B fai dúas semanas e sensacións parecidas.
Por contra, a segunda metade comezou co Compos levando o control do partido. Bo xogo de toque en campo contrario pero sen levar perigo á porta local. E de novo, coma sempre, tanto tempo sen facer un gol para tranquilizar un pouco o xogo levou a un novo pau. Nesta ocasión, unha xogada pola banda dereita rematou cun disparo a pracer de Machu para facer o 2-1 cando mellor parecían estar os nosos.
Os trocos melloraron a imaxe.
Ube saiu da partida no lugar de Tomás e Martín entrou na convocatoria despois de varias semanas de baixa. E tanto o vigués coma o santiagués conseguiron dar máis forza ao ataque. No caso de Martín, pola banda loitando co seu ex compañeiro nas filas do equipo branquiazul Paco chegando incluso a algún que outro pique, foi do mellor dun Compos aínda con cousas que mellorar. Pola súa parte, Tomás saiu e obtivo o mellor premio de todos.
Despois do segundo gol local, Yago Iglesias buscou recuperar a posesión e crear máis perigo co fútbol de toque ante un equipo pechado no seu campo e sabedores da facilidade de chegar á área compostelanista á contra. Sen embargo, a entrada do ex do Pontevedra foi aínda máis positiva xa que, ademais de aumentar a seguridade no centro do campo, fixo o gol do empate definitivo. Un gol no que volveu intervir Santi cunha gran asistencia para o seu compañeiro, que lle pegou dende a frontal sen que o porteiro nada puidera facer para evitalo.
Nin con dous dianteiros.
Os dez últimos minutos, de igualdade total e numerosas pelexas por todo o campo, levaron ao Compos a buscar o gol da vitoria con dous dianteiros. Ademais de Santi, que fixo un bo partido, entrou Nogueira ao terreo de xogo. Sen embargo, o autor da mellor oportunidade nos intres finais foi Martín. O extremo, que tivo os seus máis e os seus menos co defensor na súa banda, estrouse con gañas de marcar anque sen sorte.
Finalmente, empate merecido entre dous históricos do fútbol galego que seguen ascendendo postos na táboa grazas a este reparto de puntos. E agora a pensar do Alondras, un dos 'cocos' da categoría.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo; Samu; Julián, Make; Mitogo, Ube e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Saro, Make e Tomás.
GOLES: 0-1 30' Julián, 1-1 41' Diego, 2-1 60' Machu, 2-2 69' Tomás.
CAMPO: Salvador Otero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario