Viaxe á Illa de Arousa

O Compos visitará este domingo a Illa de Arousa por primeira vez esta campaña na que será a segunda xornada lonxe da casa e segundo partido a domicilio despois do xogado o pasado mércores en As Pontes. Visita a un Céltiga que, cun punto máis que a Esedé, non ocupa postos de promoción de ascenso debido á diferenza de goles. Un partido entre un recén descendido ante un recén ascendido. Dous equipos que loitarán por manter a categoría ata o final da tempada.

Bo comezo do equipo da Illa.
O Céltiga tivo un bo arrinque de liga. Comezaron cunha vitoria cómoda ante o As Pontes con dous goles de diferenza. Non gozaron da mesma sorte na segunda xornada cando, despois de ir gañando por 0-2, o encontro rematou con empate. Aínda así, sen ningunha derrota no comezo da campaña, o equipo da Illa ocupa o quinto posto da táboa cos mesmos puntos ca o segundo.
En canto a goles, con catro ata o momento, son un dos equipos máis goleadores da categoría, igualado co Compos, e só superado por outros dous, Racing Vilalbés e Depor B que suman 6. Por contra, encaixaron só dous goles no último partido na casa do Dubra. 
Nun dos históricos da Illa xoga un vello coñecido pola afección branquiazul. Paco, formado no Compos, chegou a xogar dous anos no primeiro equipo conseguindo o ascenso á Terceira división. Agora, despois de deixar o Boiro tras un novo ascenso, o lateral de A Baña proba sorte no Céltiga, onde xa é titular. 

O Compos chega con menos preparación.
Os dous equipos chegan ben ao partido. Sen embargo, o Compos tivo menos tempo para preparar este encontro en particular xa que o pasado mércores houbo que visitar ao As Pontes na Copa RFEF, un xogo que rematou coa eliminación do equipo branquiazul nos penaltis. Pola súa parte, o Céltiga non tivo nada entre semana puidendo preparar a visita da Esedé sen problemas. 
Así, os dous equipos chegan despois de empatar os seus respectivos últimos encontros ata a data e ambos despois de ir gañando. Por parte dos nosos, o partido ante o As Pontes serviu para manter as boas sensacións pero demostrando os problemas para facer gol malia ter numerosas ocasións para gañar o partido sen complicacións. 

Bos recordos. 
Das dúas últimas visitas do Compos ao Salvador Otero só se poden sacar boas conclusións. Dúas vitorias colleitadas tanto en 2009 coma en 2013 con catro goles para os nosos ante un só dos locais. Antes, nas dúas visitas anteriores ao Céltiga, os resultados foron ambos de 1-0 a prol do equipo da Illa. 

Cardeñosa segue de baixa.
Para este domingo, todo fai indicar que Cardeñosa será a única baixa segura. Ademais, Diego Rey será dúbida ata última hora por molestias mentres que Martín, xa recuperado, apunta a entrar por fin na convocatoria despois de dúas xornadas fóra do equipo. Con isto, Yago Iglesias poderá contar de novo con, polo menos, 21 xogadores. 

Volta aos domingos.
Ao igual que na primeira xornada, o Compos volve a xogar un domingo. O Salvador Otero acollerá o sexto encontro entre o Céltiga e a Esedé ás 18:30 horas. Ademais, agárdase a chegada dun bo número de siareiros branquiazuis nesta terceira xornada de liga ao igual que xa ocorreu en Abegondo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario