Volve o mellor

Despois dun novo verán moi movido e onde o equipo deixou moi boas sensacións, chega o importante. Comeza un novo curso onde o obxectivo non é outro que rematar o máis alto posible. E faino nun dos campos máis complicados da categoría: Abegondo. O Depor B recíbenos no que será un dos mellores encontros da tempada.
O Compos comezará a competición de liga lonxe da súa casa por cuarta vez nos cinco últimos anos. Será visitando un campo que non trae moi bos recordos da última visita a el. O Mundo do Fútbol, como así se chama o campo principal da cidade deportiva do Deportivo en Abegondo, xa viu caer ao Compos fai tres anos sobre o seu campo por un contundente 3-0 nunha tempada na que o noso equipo rematou na terceira posición e conseguindo en Cieza un novo ascenso de categoría.
Sen dúbida, o Deportivo B é un dos mellores equipos desta categoría. O conxunto dirixido por Esteban Parralo conta con algúns dos mellores xogadores da Terceira división formando por segundo ano consecutivo un favorito para voltar á Segunda división B. Homes coma Alex Corredera, Borja Domingo, Óscar Pinchi ou Hugo Rama, capaces de gañar partidos grazas á súa calidade e que apuntan á titularidade este domingo.
Quen parece que non chegará ao encontro é Martín. O extremo santiagués rematou a pretempada con molestias e parece que a súa ausencia é case segura. Pola súa parte, si poderán estar ás ordes de Yago Iglesias Cardeñosa e Rubén, mancados durante a fase final da preparación deste novo curso. Tamén volverán á que foi a súa casa homes coma Taboada, xogador do Depor B as dúas últimas tempadas, e Juan Rey, que pasou polas categorías inferiores do clube herculino.
O partido será este domingo ás 12 da mañá, horario no que o Compos xogou a pasada campaña no campo do Cacereño. As entradas estarán a un prezo de 10 euros para maiores de 16 anos mentres que os menores de 16 pagarán 3 euros. Os socios do Deportivo non terán que pasar por taquilla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario