O Compos segue mellorando

O Compos sumou a segunda vitoria consecutiva en algo máis de vintecatro horas ante a Unión Deportiva Ourense. Nesta ocasión, con xogadores que non tiveron minutos ante o Somozas, dous goles foron suficientes para vencer a un equipo de Primeira Rexional na merecida homenaxe ao desaparecido Clube Deportivo Ourense en O Couto, campo histórico do noso fútbol.
Na primeira metade, a Esedé foi de máis a menos perdendo o dominio sobre o terreo de xogo en favor do equipo ourensán. Defendendo moi ben con ata tres zagueiros do xuvenil, os nosos foron quen de evitar que o Ourense puidera poñerse por diante ante o dominio local durante algo máis de vinte minutos. 
Os cinco minutos finais do primeiro tempo foron, de novo, para os nosos. A balón parado o equipo mostrou ser forte e dun centro dende a banda esquerda chegou o gol. Un gol de Nogueira despois de perdoar algunha que outra ocasión anterior demostrando volver ao equipo con gol nas súas botas. 
A segunda metade foi moito mellor para os nosos. Asedio constante sobre a porta local anque cunha marcha menos. Ocasións claras sobre a porta local dende o comezo e gol mediado o segundo tempo. Un gol de Juan Rey despois dunha xogada individual pola banda esquerda. 
Tras o segundo gol branquiazul, a resposta ourensá foi instantánea. Buscaron a porta visitante pero só conseguiron atoparse co muro defensivo rematando no curruncho as mellores ocasións. Pola súa parte, Alexandro mandou un balón ao longueiro e Jorge Rama non foi quen de superar ao porteiro local. 
Agora é xa momento de pensar no triangular do vindeiro sábado en A Estrada ante Estradense e Villalonga ademais da semifinal da Copa Deputación ante o Boiro en Vista Alegre do domingo.

ALIÑACIÓN: Cedrón; Samuel, Jose Loureiro, Ander, Ferreiro; Ube, Julián, Mon; Nogueira, Alberto e Martín. Tamén xogaron: Juan Rey, Alexandro e Jorge Rama.
CARTÓNS
GOLES: 0-1 42' Nogueira, 0-2 67' Juan Rey.
CAMPO: O Couto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario