Pouco que dicir

Nestes intres sobran as palabras. Espectáculo de Óscar Pinchi en Abegondo destrozando sen piedade a un Compos que foi de máis a menos desaparecendo totalmente na segunda metade. Mitogo, que comezou ben a tempada, fixo o único gol dos nosos mentres que Pinchi anotou os cinco tantos locais e que puideron ser máis de non ser por Lucas. Aínda así, a peor nova do encontro foron as lesións de Cardeñosa, Mitogo e Tomás, que non puideron rematar o encontro e poderían ser baixas nas vindeiras fins de semana.
Durante a primeira metade, os dous equipos compartiron a posesión. Sen dono, os dous equipos gozaron de bos minutos de xogo con perigo nas dúas áreas pero escasas ocasións importantes. Un dominio alterno que comezou co Fabril metendo ao Compos no seu campo e creando xogo moi preto da portería de Lucas.
No momento no que o Compos pasou a gozar das mellores ocasións, cando parecía achegarse o 0-1, Óscar Pinchi encargouse de adiantar aos seus seus a pase de Arnau metendo a pelota a porta baleira. Co gol, o Fabril pasou de novo a dominar o xogo.
Sen embargo, cando o Fabril parecía buscar levar o encontro ao descanso cunha vitoria pola mínima, chegou a sorpresa. Nogueira abre cara a banda esquerda para Mitogo, este chega á área e bate ao porteiro. Un gol no derradeiro minuto da primeira metade, nun intre importante.

Moi diferente a segunda metade.
De facer unha boa primeira metade a merecer unha goleada importante na segunda. Os problemas físicos apareceron nas pernas dos xogadores do Compos e iso aproveitouno o Fabril para pechar o encontro en non máis de dez minutos.
Óscar Pinchi fixo tamén o segundo cando non se levaban máis de dous minutos de segunda parte. O dianteiro coruñés fixo a mellor actuación da súa carreira sumando incluso o terceiro gol do seu equipo e terceiro na súa conta particular aos dez minutos cun disparo potente que bateu no longueiro antes de colarse na portería.

Un nome propio.
Sen dúbida, o partido tivo un nome propio. O dianteiro do Depor B está acostumado a facer goles e rematar a tempada con cifras moi altas. Pero o que fixo este domingo non ten nome. Tres goles en menos dunha hora e oportunidades suficientes para levar dous ou tres máis, evitados por Lucas con boas intervencións.
Non freou nin co encontro pechado facendo dous goles máis sen deixar tempo entre cada un. Cinco tantos na que foi sen dúbida a mellor mañá do xogador herculino a nivel deportivo conseguindo algo á man de moi poucos.

Pésimas consecuencias.
Sen dúbida, o resultado non foi para nada bo ante un dos grandes favoritos para acadar o primeiro posto da categoría ao final da tempada regular. Aínda así, as peores novas chegaron doutra maneira.
Ás baixas de Taboada e Martín, que poderían voltar para o encontro ante o Ribadumia, hai que sumar as de Cardeñosa, Mitogo e Tomás Abelleira. O central quedou no vestiario xa no descanso por unhas molestias mentres que os outros dous mancáronse case na mesma xogada na segunda metade.
No caso de Mitogo parece algo no xeonllo mentres que o ex do Pontevedra non puido continuar por problemas musculares.

Dúas citas en seis días, tres en dez.
O Compos agora agarda ao primeiro equipo do Depor en San Lázaro onde o martes poderemos asistir á homenaxe a Antonio Bermúdez. Despois, de novo en liga, o Ribadumia visitará a capital o sábado pola tarde. E xa a vindeira semana chegará a Copa RFEF en As Pontes, martes ou mércores. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Cardeñosa (Mon, min. 46), Cabrejo; Samu, Alberto, Tomás (Julián, min. 59); Mitogo (Diego Rey, min. 59), Juan Rey e Nogueira.
CARTÓNS: Amarelo para Saro.
GOLES: 1-0 38' Pinchi, 1-1 45' Mitogo, 2-1 47' Pinchi, 3-1 56' Pinchi, 4-1 77' Pinchi, 5-1 81' Pinchi.
ESTADIO: O Mundo do Fútbol, en Abegondo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario