Primeira vitoria

O Compos xa sabe o que é gañar neste curso. Ao igual que a pasada tempada, a primeira goleada importante chegou coa estrea do equipo na Copa Deputación. Nesta ocasión, a vítima foi o Lesende de Lousame, que rematou con sete goles encaixados. Julián, Cabrejo, Juan Rey e dous dobretes de Santi Taboada e Mitogo para completar unha goleada importante con seis dos tantos na segunda metade.
O Lesende saltou ao terreo de xogo con intención de sorprender aos nosos. No primeiro minuto de xogo chegou a primeira ocasión local sobre a porta de Lucas. Tras iso, dúas chegadas branquiazuis consecutivas e, por sorpresa, chegou o primeiro gol do encontro. Un tanto de Sueiro dende a área despois dun centro dende a banda. 
Por debaixo no marcador, o Compos meteu unha marcha máis con Julián coma xogador máis ofensivo. O santiagués non só tivo a ocasión máis clara para empatar minutos despois do tanto lousamán senón que tamén foi o autor do empate. Centro de Mitogo e gol para meter de novo ao equipo no encontro. 
Os locais aguantaron toda a primeira metade. Sabedores da superioridade branquiazul, defenderon ben e aproveitaron as poucas ocasións das que puideron gozar tendo a posibilidade de poñerse de novo por diante antes do descanso.

O Compos apareceu na segunda metade.
As segundas metades están a ser mellores para o Compos no que vai de pretempada e en Lousame non foi menos. A saída ao terreo de xogo foi moito mellor, a imaxe moi positiva e a efectividade maior. De feito, despois de tres ocasións en cinco minutos, o segundo chegou en menos de dez minutos por obra de Santi Taboada. Xogada a balón parado que remata en gol demostrando a variedade que pode ter este equipo a nivel táctico.
Tres minutos máis tarde, Mitogo encargouse de encarrilar a vitoria. O dianteiro, que está a deixar moi boas sensacións nesta pretempada, sacouse do sombreiro un disparo cruzado directo á escadra da porta contraria. Un golazo. 
O festival non facía máis que comezar. E a el uniuse unha das estrelas do equipo. Juan Cabrejo, 'o Mago de Corea', fixo o seu segundo gol nesta pretempada cun disparo co exterior imposible para o porteiro. Unha demostración máis de por que volveu á Esedé. 
Á contra chegou o quinto. Chegada en velocidade á contra ante un Lesende fóra do partido, balón para Santi e este asiste a Juan Rey. O canteirán bateu ao porteiro cun disparo por baixo. E cinco minutos máis tarde repetiu Santi Taboada de penalti. Un tiro axustado ao pau ante o que nada puido facer o porteiro. 
A goleada pechouna Mitogo a escasos minutos para o final do encontro. O ex do Barco xogou con Santi e bateu ao porteiro asinando o sétimo gol do partido, segundo na súa conta particular e terceiro en toda a pretempada.
Agora hai que pensar na cita do vindeiro domingo ante o Paiosaco. Nova cita oficial lonxe de Santiago. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Taboada, Cabrejo; Samu (Tomás, min. 69), Make (Ander, min. 69), Julián (David Rey, min. 64), Mon (Juan Rey, min. 64); Santi e Mitogo. 
CARTÓNS: Ningún para xogadores do Compos.
GOLES: 1-0 12' Sueiro, 1-1 27' Julián, 1-2 52' Taboada, 1-3 56' Mitogo, 1-4 67' Cabrejo, 1-5 71' Juan Rey, 1-6 73' Taboada, 1-7 87' Mitogo.
CAMPO: Cabanetán. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario