O Compos non puido mellorar do terceiro posto no Triangular de Praíña ante Somozas e Coruxo. A Esedé, que volveu mostrar unha boa imaxe ante dous equipos de nivel superior, superou aos da Ferrolterra dende os once metros despois dun empate a un gol e caeu ante o Coruxo pola mínima. O Somozas, gañador do torneo, superou aos vigueses no segundo encontro.
No primeiro encontro, o Somozas púxose por diante aos dez minutos de xogo no que foi un encontro igualado e con ocasións nas dúas porterías. Sen embargo, e por sorte, o equipo refíxose rapidamente e en menos de dous minutos Mitogo fixo o empate que sería definitivo. Un disparo potente dende a esquerda do que está a ser o xogador que mellores sensacións deixa no que vai de pretempada.
Despois do empate a un gol ao final dos corenta e cinco minutos, tres penaltis para cada un. O Compos marcou os tres mentres que o Somozas errou o primeiro sumando un punto ambos conxuntos pero co Compos por diante no caso de haber un empate a todo entre os tres.
Menos sorte co segundo equipo.
Diferente rival e diferente equipo. Yago Iglesias buscou a segunda vitoria ante un Coruxo que xogaba xusto despois de perder contra o Somozas, obrigando aos nosos a gañar no tempo regulamentario para rematar coma gañador. Sen embargo, e a pesar do primeiro gol branquiazul aos cinco minutos, os vigueses souberon repoñerse e conseguiron o empate á media hora dende os once metros. Un gol que levaría aos dous equipos aos penaltis, anque asegurando ao Somozas coma gañador do torneo. Pero no último minuto chegou o segundo e definitivo dos de verde despois dun saque de falta moi rápido sen máis opcións para os nosos.
A pensar xa na Copa Deputación.
Este domingo xógase o Lesende-Corme. Un partido sen importancia para a familia branquiazul se non fora porque o gañador será o rival do Compos o vindeiro mércores na que será a estrea dos nosos na Copa Deputación. Sexa quen sexa o rival, o partido será lonxe de Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario