De novo en semifinais

O Compos está un ano máis nas semifinais da Copa Deputación despois de superar ao Somozas na estrea en San Lázaro. Encontro igualado, cun gol na segunda metade, onde os nosos souberon prantar cara a un equipo da Segunda B. Seguridade en todo o campo e boas ocasións na porta rival, ademais dunha boa defensa, melloran as boas sensacións dun equipo feito para ascender. O gol de Samu foi suficiente para poder pensar xa nos tres encontros que restan ata o domingo ante Ourense, Boiro e o triangular ante Estradense e Villalonga. 
Durante os primeiros minutos, o dominio branquiazul foi claro e chegaron boas ocasións sobre a porta somocense. Dúas moi boas chegadas que foron respondidas polos rivais aproveitando a medias un erro en defensa ante o que soubo reaccionar Lucas con velocidade evitando o gol, que parecía que chegaría superados os quince minutos de xogo. 
O dominio local foi de máis a menos en gran parte polo bo número de interrupcións e faltas cometidas polos homes de Stili, obrigando incluso a Taboada a ser atendido cun golpe e sangue na cabeza. 

Inmellorable saída.
Se a saída ao campo no primeiro tempo foi boa, mellor foi no segundo. En cousa de dous minutos chegou o gol da vitoria. De novo Samu, autor dun gol no partido ante o Paiosaco, foi o encargado de poñer por diante aos nosos cun gran disparo dende fóra da área ante o que nada puido facer o porteiro. Un gol que vale unha semifinal.
A partir do gol, se hai algo que destacar do encontro son as interrupcións. Ata dez trocos entre os dous equipos, chegando o encontro ao minuto 95, e moitas entradas que o colexiado non dubidou en sinalar e castigar con cartóns amosando ata seis amarelos, só un para un xogador do Compos e catro a xogadores do Somozas na segunda metade. 
Non houbo problemas para manter a vitoria, a diferenza de categoría non se viu sobre o terreo de xogo e sen dúbida o equipo de Yago Iglesias está a deixar moi boas sensacións a dez días para o comezo na competición. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo; Samu (Ander, min. 90), Make, Tomás (Julián, min. 68); Mitogo (Nogueira, min. 89), Diego Rey (Martín, min. 54) e Santi (Mon, min. 83). 
CARTÓNS: Amarelo para Taboada.
GOLES: 1-0 48' Samu.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario