Volta a San Lázaro!

O Compos xa están nos cuartos de final da Copa Deputación despois de superar ao Paiosaco de Preferente Norte. Un partido sen demasiada complicación, onde os nosos dominaron e non tiveron problemas para sumar a segunda vitoria oficial consecutiva. Santi e Samu, autores dos dous goles. 
De principio a fin, a Esedé foi superior a un Paiosaco para o que este partido era unha cita histórica ante un dos mellores equipos da competición. As ocasións non tardaron en chegar nin cinco minutos anque perdoando ante o porteiro en case todas elas. De feito, só Santi puido bater ao gardamallas en máis de media hora cun gol que foi anulado polo colexiado por falta sobre un defensa.
Santi, Alberto, Mon... Diferentes autores e o mesmo resultado na primeira metade. Só o dianteiro asturiano foi quen de anotar, de xeito legal, nos primeiros corenta e cinco minutos. Un gol que chegou despois dunha gran xogada e posterior asistencia de Alberto, que demostrou unha vez máis por que Yago Iglesias quere contar con el para o novo curso.
Na segunda metade, máis do mesmo. Partido totalmente controlado polos nosos e só interrumpido case polos trocos, catro nos branquiazuis, e a expulsión dun xogador rival. Pouco máis dunha segunda parte onde o Compos non baixou a intensidade buscando pechar o encontro canto antes.
A falta de vinte minutos para o final, Samu aproveitou a superioridade numérica para facer o segundo e pechar o pase á seguinte rolda. Un gol dende 25 metros ante o que nada puido facer o porteiro local. Golazo.
Agora hai que pensar nunha semana onde o Compos inaugurará o fútbol na capital. O mércores recibiremos na capital ao Somozas, aínda non se sabe se en Santa Isabel ou San Lázaro, e o xoves hai que visitar Ourense. Ademais, o sábado hai un triangular en A Estrada e, de superar ao equipo da Ferrolterra, outro encontro o domingo ante Boiro ou Cerceda nas semifinais da Copa Deputación.

ALIÑACIÓN: Cedrón; Saro, David Rey (Julián, min. 61), Taboada, Cabrejo; Samu, Mon (Make, min. 56), Alberto (Tomás, min. 74), Diego Rey, Juan Rey; e Santi (Nogueira, min. 68).
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-1 40' Santi, 0-2 69' Samu.
CAMPO: Municipal A Porta Santa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario