Despois das dúas derrotas na última semana, o Compos recibirá ao Ribadumia na segunda xornada de Liga, primeira xogando ante a afección branquiazul. Un partido onde o noso equipo ten que sumar os tres puntos para devolver as boas sensacións da pretempada. Ademais, para darlle máis emoción á segunda cita oficial, nas filas do equipo pontevedrés ven Changui, un vello coñecido da afección compostelanista e do que non hai moi bos recordos.
O rival, cun vello coñecido.
O Ribadumia chega a San Lázaro despois de gañar pola mínima ao Dubra a pasada xornada na casa. Un resultado curto pero suficiente grazas ao gol de Adrián Camiño na primeira metade. O equipo do Salnés, que parte co obxectivo de acadar a promoción de ascenso, conta nas súas filas co máximo goleador da categoria da pasada tempada. Changui segue dando guerra aos seus 39 anos e marcando goles polos campos da Terceira galega.
Ademais da presenza do dianteiro de Boiro, o Ribadumia reforzouse este verán con grandes xogadores. Un bo equipo, cun grande plantel onde hai nomes coma Fran Fandiño, Adrián Camiño ou Anxo entre eles.
Resultados moi diferentes na primeira xornada.
Os dous equipos comezaron a tempada con resultados moi diferentes. O Compos visitou Abegondo e, despois dun bo primeiro tempo, o cansanzo pasou factura nas pernas dos nosos permitindo ao Depor B, e en especial a Óscar Pinchi, facer o que quixo coa defensa. Un dos resultados máis abultados dos últimos tempos contra un equipo que, un ano máis e xa van catro dos últimos cinco sen coñecer a vitoria na primeira xornada aos que sumar dous máis no mesmo tempo sen facelo na primeira cita lonxe de San Lázaro.
Por contra, o Ribadumia ocupa xa a novena posición da táboa grazas aos tres puntos sumados ante o Dubra en A Senra. Un encontro onde os visitantes remataron con ata seis cartóns amarelos por un dos locais. Na parte positiva do xogo, un gol de Adrián Camiño no minuto 14 foi suficiente para conseguir a primeira vitoria do curso ante un rival, en principio, inferior e que loitará por non descender.
Yago Iglesias recupera efectivos.
Ante o Depor puidemos comprobar que tanto o de Mitogo coma o de Tomás non foron máis que sustos. Os dous xogadores estiveron no amigable do pasado martes probando de cara ao sábado. Ademais, Taboada xa parece recuperado dos seus problemas que o deixaron fóra do encontro ante o Fabril mentres que Make e Santi Gegunde volven despois da sanción. Por contra, perde a Cardeñosa e todo fai indicar que Martín tampouco está recuperado da lesión coa que pechou a pretempada.
A televisión marca o horario.
Unha vez máis, o encontro será televisado pola segunda canle da TVG, que parece volver emitir os encontros da Terceira galega un ano despois. Nesta ocasión, o partido será o sábado ás 19:30 horas, un horario que non gusta a moita xente. Para quen se vaia achegar ao Multiusos de San Lázaro e aínda non sexa socio, o prezo das entradas é de 10 euros para maiores de 17 anos, os rapaces entre 10 e 17 pagarían 5 euros mentres que os menores de 10 entran de balde. Recordamos tamén que este ano só estará aberta a bancada de Tribuna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario