O Compos sumou a súa primeira vitoria da tempada ante o Ribadumia en San Lázaro. Bo partido dos nosos, seguridade e, sobre todo, mellores sensacións ás de Abegondo. Tres goles ante un equipo feito para estar na zona alta da táboa e tres puntos moi importantes no primeiro encontro na casa esta tempada. Santi Gegunde ata en dúas ocasións e Diego Rey anotaron os tantos dunha Esedé superior e que comeza a facer o xogo que lle gusta a Yago Iglesias. Por contra, David Rodríguez fixo o gol contrario.
Historia viva do noso fútbol.
Sobre o campo de San Lázaro puidemos ver a dous xogadores que, a pesar da idade, seguen dando moita guerra. Ámbolos dous titulares, Cabrejo e Changui suman 80 anos entre os dous e sen dúbida deixaron algún que outro enfrontamento entre eles que demostra que a calidade non se perde co paso do tempo. Sen embargo, por sorte, a actuación dos dous foi moi diferente incluindo unha gran asistencia do de Camariñas.
Gran comezo.
O xogo non puido comezar mellor. Cos dez goles encaixados nos dous últimos encontros ante o Depor aínda na mente, non se podía perdoar o máis mínimo. E Santi, que vestiu a camisola de goleador, só precisou seis minutos para adiantar aos nosos. Recibe no pico da área, recurta ante un rival e pégalle axustada ao poste entre dous contrarios. Gran gol do ex do As Pontes.
Co resultado positivo, o Compos seguiu dominando ata case a media hora de xogo con algunha chegada perigosa sobre a porta do Ribadumia. Uns minutos que se foron seguidos doutros de igualdade, sen dono, pero xogándose durante un tempo en campo pontevedrés.
Boa reacción.
Se hai algo que mellorar agora mesmo é a defensa. Ante o Fabril demostrouse que falta dureza no centro da zaga e contra o Ribadumia confirmouse de novo. Por sorte, nesta ocasión, en dúas máis ben, apareceu a mellor versión de Lucas. O porteiro santiagués evitou a remontada con dúas grandes paradas en sendas xogadas moi seguidas.
A reacción branquiazul non se fixo esperar. Santi buscou de novo sorte ante Manu Táboas pero cun disparo frouxo que non intimidou ao porteiro. Máis sorte tivo cinco minutos máis tarde despois dun bo pase de Samu nas inmediacións da área pequena. O asturiano, rodeado de xogadores rivais, só tivo que empurrar a pelota ao fondo das mallas.
Ademais, Mitogo estivo a piques de facer o terceiro da tarde no último minuto. O ecuatoguineano tentou disparar a porta pero topou cun defensa que evitou que a pelota chegase a bo porto.
Segunda metade de control.
Os segundos corenta e cinco minutos foron de tranquilidade para os homes de Yago Iglesias. Sobre todo despois do terceiro gol, que chegou aos cinco minutos tras a reanudación. Un gran centro de Cabrejo dende a banda esquerda e que Diego Rey non perdoou con sangue fría. O extremo cruzou a pelota lonxe do alcance do porteiro pechando o encontro definitivamente. Tamén hai que dicir que medio gol é grazas ao centro do de Camariñas.
Despois do terceiro, e como posteriormente dixo o adestrador en rolda de prensa, o equipo pasou a controlar o partido a base dun fútbol de toque. O fútbol de salón estaba de volta en San Lázaro. Con el chegou algunha ocasión de perigo sobre a porta contraria pero, sobre todo, a tranquilidade.
O Ribadumia buscouno e atopouno.
O Ribadumia buscou un gol co que arranxar un pouco o marcador. Sabendo que tanto o empate coma a remontada xa serían imposibles tentaron polo menos facer un gol que pode axudar na clasificación ao final da tempada. E despois de varios intentos de Changui durante todo o encontro, con claras intencións de marcar ao seu ex equipo, David Rodríguez asinou o único gol rival sen tempo para máis.
A Illa de Arousa, seguinte parada.
Con tres puntos xa no peto é momento de pensar no encontro da vindeira xornada ante o Céltica na Illa de Arousa. O equipo buscará este domingo a segunda vitoria da tempada coa que manterse no máis alto da táboa ante o Dubra lonxe da súa casa.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo; Make, Samu, Tomás (Ube, min. 74); Mitogo (Julián, min. 68), Santi (Nogueira, min. 80) e Diego Rey.
CARTÓNS: Ningún para xogadores do Compos.
GOLES: 1-0 6' Santi, 2-0 42' Santi, 3-0 52' Diego Rey, 3-1 88' David Rodríguez.
CAMPO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario