Este domingo volve o fútbol a San Lázaro nun encontro moi importante para os intereses branquiazuis. O Burgos volta á nosa casa co seu obxectivo case conseguido matematicamente, anque xa parecen salvados de forma virtual con nove puntos por enriba do posto de promoción de descenso. Aínda así, o partido non parece ser nada fácil para un Compos que buscará os tres puntos para facer bo o punto conseguido en León.
Para consumar o soño, a heroica, da permanencia, hai que gañar todo o que queda na casa. Cinco encontros que non serán nada doados e que comezan coa visita do Burgos. O equipo burgalés, que suma tres xornadas sen coñecer a derrota, está moi preto de conseguir os 45 puntos que lle aseguran a permanencia sen pasar ningún problema. Un equipo que ademais é un dos maiores perigos cando saen da casa, cunha diferenza de tres puntos entre os encontros da casa e a domicilio.
Regulares, os casteláns suman 37 puntos, 17 deles lonxe do Plantío. Trátase dun equipo moi duro e difícil de superar que ata o momento é o rei do empate xunto coa Cultural Leonesa. Aos 10 empates colleitados ata o momento, hai que sumar 9 vitorias e 8 derrotas. Un equipo con gol (35 a favor) e seguro en defensa (34 en contra).
O bo momento polo que pasan os de Ángel Viadero é, sobre todo, grazas aos goles de Ander Vitoria, que suma 6, e Adrián, 5. Os dous máximos artilleiros dun conxunto formado por grandes xogadores entre os que tamén chama a atención o ex do Celta B Camochu.
Será a cuarta vez que os dous conxuntos se vexan as caras no coliseo picheleiro no que vai de século. Antes, dúas vitorias e unha derrota con 5 goles a favor dos nosos e ningún para os casteláns nos dous últimos xogos. De feito, no último enfrontamento a vitoria foi local grazas aos goles de Mensha e Quim, dous xogadores que xa non están nas filas do equipo branquiazul. Sen embargo, na primeira volta o resultado foi de 1-1 con gol de Sergio Sánchez recibindo o empate a once minutos para o final.
Os dous equipos chegan a esta cita despois de colleitar un novo empate a pasada fin de semana. O Compos recibiu un duro mazazo co empate en León cando parecía que sumaría os tres primeiros puntos fóra de San Lázaro. Pola súa parte, o Burgos conseguiu o seu décimo empate na casa ante o Lealtad cun gol de Camochu.
Para este encontro, Fredi perderá a Catú e Marqueta por sanción. Ademais, contará con seis xogadores apercibidos de sanción. Javi Moreno, Josu, Mon, Dani Hernández, Jesús Varela e Joaquín non poderían estar ante o Guijuelo de ver un cartón amarelo este domingo. Pola súa parte, Sergio será baixa no equipo burgalés por sanción.
O encontro será este domingo ás 16:30 no estadio de San Lázaro. Poderá verse en directo a través da segunda canle da TVG, escoitarse pola 'Radio Esedé' na web oficial do clube e seguirse polas redes sociais da Curva Branquiazul (Twitter e Facebook). As entradas para os que non sexan socios estarán a 20 euros en Preferencia e 25 en Tribuna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario