Un bo Compos mantén unha semana máis a mala sorte nos encontros fóra de San Lázaro. Empate en León nun partido dominado durante oitenta minutos polos nosos, que non foron capaces de aumentar diferenzas a pesar do bo número de ocasións perigosas sobre a porta de Jorge. O gol de Guillem, primeiro coa camisola branquiazul, non foi suficiente e a falta de dez minutos para o final chegou o empate, obra de Gonzalo. Nun final de infarto, a vitoria puido caer para calquera lado con ocasións nas dúas porterías.
A Esedé saiu con gañas de achegarse á porta contraria a base de rápidas xogadas polas bandas. Con Jordan na súa mellor versión, a primeira ocasión perigosa chegou en menos de dez minutos cunha ocasión ante a que o porteiro local tivo que meter unha man salvadora. Sen embargo, ese susto fixo que os leoneses buscasen a pelota.
Co balón, a Cultural foi un equipo perigoso pero incapaz de superar á defensa branquiazul. En toda a primeira metade non tiraron nin unha vez á porta defendida por Pato pero si conseguiron que Josu no primeiro tempo e Catú no segundo viran un cartón amarelo.
Pouco a pouco, o dominio galego fíxose máis claro sobre o campo do Reino de León. O Compos estaba a plantarlle cara a outro equipo da zona alta da táboa e a menos de dez para o final chegou a sorpresa. Guillem rouba unha pelota na área e supera a Jorge no man a man cun disparo raso. Bo gol do balear para estrear a súa conta particular.
Co gol a Cultural desapareceu ata o encontro. Esférico para os nosos, total dominio e unha boa ocasión para Jordan na derradeira ocasión do primeiro tempo para facer o segundo.
Tras o paso por vestiarios, a Cultural buscou en dúas ocasións a porta de Pato rematando ambas en fóra de xogo. Dous intentos e volta a desaparecer en ataque limitándose a defender ante un equipo con problemas á hora de finalizar as ocasións.
Josu cun disparo que saiu por enriba da porta e Guillem, que non foi quen de bater ao porteiro no man a man, tiveron a oportunidade de poñer terra de por medio e João Camacho atopouse coa madeira na mellor ocasión branquiazul de toda a segunda metade, que non entrou por un pelo.
Os trocos fixeron que a Cultural gañase un pouco de aire e a defensa de tres foi suficiente para frear ao Compos e poder sumar efectivos ao ataque. E así foi como pasaron a dominar os quince minutos finais tendo oportunidades para darlle a volta ao resultado. Aketxe, que non tivo un bo día, quixo avisar cunha ocasión que evitou Jimmy e un balón ao longueiro serviron de antesala ao empate.
Dez minutos para o final do encontro. O Compos confiado e canso, non podía facer moito máis que defenderse para evitar o que chegou case sen tempo de reacción. Gol de Gonzalo coa testa tras un bo centro ante o que Pato non puido facer moito máis. E volta á guerra sen nada que perder e moito que gañar.
Despois de ter a vitoria na man, da ledicia pasouse de novo aos nervios. O encontro abriuse máis que nunca e os dous equipos tiveron ocasións claras para facerse cos tres puntos. Guillem puido facer o segundo xa no tempo engadido pero de novo a sorte non estivo do seu lado.
Con este punto o Compos mantén a penúltima posición e queda a 5 puntos do posto de promoción de permanencia e a 7 da permanencia. A vindeira semana recibiremos ao Burgos en San Lázaro nun partido que hai que gañar para seguir soñando coa permanencia.
ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos; Jordan (Goti, min. 74), Manu, Joaquín (Bicho, min. 84), João Camacho (Moreno, min. 91); e Guillem.
CARTÓNS: Amarelo para Josu, Jordan, Catú e Joaquín.
GOLES: 0-1 36' Guillem, 1-1 80' Gonzalo.
ESTADIO: Reino de León.
Ningún comentario:
Publicar un comentario