Xogo imposible

Compos e Somozas tiveron unha dura loita no Alcalde Manuel Candocia onde ningún dos dous equipos foi capaz de superar as esixencias climatolóxicas. Moita chuvia e aínda máis vento que imposibilitaron o xogo por parte dos dous equipos rematando o encontro sen ningunha ocasión de perigo entre os tres paus en ningunha das dúas porterías. Sen goles, o equipo branquiazul suma xa catro encontros consecutivos sen coñecer a derrota nin encaixar ningún gol confirmando a melloría defensiva coa chegada de Fredi ao banco.
O control do encontro foi da man do vento. Quen xogaba a favor do vento tiña máis facilidades para xogar en ataque. Así ocorreu na primeira metade, na que o Compos non só tivo a pelota senón que ademais xogou en campo contrario gran parte dos primeiros corenta e cinco minutos. Sen embargo, só Guillem tivo unha ocasión para adiantar ao equipo. 
O Compos gozou de ata cinco saques dende o curruncho en toda a primeira metade que non se puideron levar a bo porto. Imprecisións por culpa do mal tempo, grandes problemas para xogar a pelota por alto e polo mal estado do terreo de xogo tamén por baixo facendo imposible xogar ao fútbol.
E na segunda metade máis do mesmo pero co Somozas co clima ao seu favor. Tanto foi así que nun saque de porta, Pato buscou poñer o balón en longo vendo como a pelota daba a volta no aire e saía por detrás da mesma portería. 
De novo a pelota foi para o Compos pero as mellores ocasións chegaron do lado somocense. Ata cinco corners seguidos para os locais nuns minutos de superioridade local en ataque sen poñer en problemas a Pato.
O encontro transcurriu sen moita emoción e coa Esedé gozando das mellores chegadas nos minutos finais, onde Catú e Josu, os dous despois de dous corners, tiveron a oportunidade de adiantar ao equipo pero topándose ambos coa defensa. 
Antes do final, o Somozas quedou con dez sobre o campo pola expulsión de Adrián ao intentar frear unha contra branquiazul. Sen embargo, non houbo tempo para aproveitar a superioridade numérica sobre un campo enchoupado e nun estado horrible.
A Esedé suma así 8 dos últimos 12 puntos e, unha semana máis, non pechará a clasificación. Por contra, Celta B e Atlético Astorga superaron aos seus rivais aumentando a tensión entre os equipos da zona baixa.

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Sergio, Catú, Jimmy; Moreno; Jordan (Jesús Varela, min. 87), Manu, Bicho (Joaquín, min. 76), Goti (João Camacho, min. 66); e Guillem.
CARTÓNS: Amarelos para Javi Moreno, Catú e Jordan.
GOLES: 0-0. 
ESTADIO: Complexo Deportivo Alcalde Manuel Candocia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario