Un mal local e un mal visitante


Dende a chegada de Fredi ao equipo, a afección comezou a crer na permanencia. O equipo mellorou notablemente tanto en xogo coma en resultados. E agora, cinco semanas despois, o Compos xa non é o último clasificado e os postos de permanencia están a 4 puntos, cinco menos que tras a chegada do adestrador de Moaña, facendo o soño moito máis creíble. Pero, despois de sumar 7 dos últimos 9 puntos posibles, agora hai que pensar xa na visita ao Complexo Deportivo Alcalde Manuel Candocia.

O Somozas ten a permanencia nas súas mans. O equipo de Stili pode asinar antes de tempo unha tempada máis na categoría de bronce, a que sería a terceira da súa historia, grazas en gran parte ao conseguido lonxe do seu campo. De feito, o equipo da Ferrolterra é un dos peores equipos cando xoga na súa casa cuns números que só o Sporting B supera negativamente. Sen embargo, cando saen de As Somozas convértense nun perigo importante xa que só perderon 3 de 13 partidos posibles.

Polo Alcalde Manuel Candocia pasaron equipos como o Racing de Ferrol ou Racing de Santander, ao que conseguiron mandar de volta a casa cun punto despois dun encontro sen goles. Só Burgos, Lealtad, Racing de Ferrol, Peña Sport e Tudelano conseguiron saír cos tres puntos e todos despois de moito traballo con só un gol de diferenza, destacando o 3-4 ante o conxunto asturiano. Entre as súas vitorias destaca que só conseguiron superar aos equipos da zona baixa da táboa.
A pesar do que poida dicir a súa posición na táboa, é un equipo moi firme en defensa, algo que demostran con só 22 goles encaixados, e forte en ataque con 28 goles ao seu favor grazas aos 8 goles que suma David Añón ou os 7 de Mario Barco ademais dos 5 de Pablo Antas, que non poderá estar esta fin de semana por sanción.
No campo estarán un dos peores locais e un dos peores visitantes. E é que o Compos só sumou 5 puntos fóra de Santiago en outros tantos empates. De feito, o equipo branquiazul é o equipo que máis empates suma a domicilio, o que menos derrotas acumula dos equipos que loitan polo descenso pero, xunto co Celta B, o equipo que aínda non sabe o que é gañar lonxe da casa. Uns datos que ben poden falar dun partido un tanto igualado a pesar da clasificación.
Na categoría de bronce será a segunda vez na que a Esedé visite Pardiñas. O pasado ano, os dous equipos chegaron ao final sen goles. Un empate que rematou coas opcións do Compos de clasificarse para a promoción de ascenso a catro xornadas para o final da tempada. Daquel encontro poderían repetir no cadro santiagués Jimmy, Portela, Josu, Manu e Fondevila, que foron titulares, ademais de Jordan, que tivo minutos saíndo dende o banco de suplentes.
Esta tempada, na primeira volta o equipo somocense foi o que puido rematar coa vitoria. Un só gol de Antón de Vicente de falta directa foi suficiente para que os de Stili puideran voltar a casa con tres puntos de ouro. O equipo de Iñaki Alonso non foi quen de, nin sequera, achegarse ao gol do empate.
Para esta cita, o Compos chega nun momento case inmellorable. Dúas vitorias e un empate nos tres últimos encontros. Cinco goles a favor e ningún en contra cun estilo de xogo moi diferente ao feito na primeira volta. Pola súa parte, o Somozas non coñece a vitoria na casa no que vai de ano pero por outro lado só perderon un dos últimos oito encontros con cinco empates e dúas derrotas só interrumpidas pola derrota na casa ante o Tudelano.
A pasada fin de semana, o Compos sumou o mellor resultado do que vai de tempada. Tres goles ante un Pontevedra en horas baixas con Catú mostrando unha gran efectividade de cara a gol. O Somozas tamén conseguiu unha nova vitoria en terras asturianas. Un encontro onde o que menos perdoou foi o que puido rematar cos tres puntos cun fútbol pouco atractivo.
Por segunda xornada consecutiva, Fredi poderá ter ao seu mando a todo o equipo para asinar a primeira vitoria a domicilio desta campaña e do adestrador moañés fóra de San Lázaro na Segunda B, algo que tampouco puido conseguir fai dúas tempadas. Pola súa parte, Stili non poderá ter a Pablo Antas por acumulación de amonestacións.
O encontro será o vindeiro sábado ás 17 horas no Complexo Deportivo Alcalde Manuel Candocia de As Somozas. Quen non poida achegarse ao campo somocense poderá ver o partido pola segunda canle da TVG e seguilo en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul.

Ningún comentario:

Publicar un comentario