Ata o final desta tempada, cada encontro é unha final para un Compos que non perde a esperanza de manterse na Segunda B. E o encontro deste sábado non será para menos, un partido con algo máis de tres puntos en xogo. Visitará San Lázaro o filial do Valladolid, un rival directo na loita pola permanencia. De feito, sete puntos separan a ámbolos dous conxuntos e unha vitoria branquiazul podería achegar a permanencia a Santiago.
O Valladolid B, ao igual que o resto de filiais, non se trata dun equipo que se caracterice pola regularidade. 14º clasificado con 29 puntos, están a 4 do descenso e a 3 da promoción de descenso polo que a derrota non metería en demasiados problemas aos vallisoletanos. 7 vitorias, 8 empates e 10 derrotas, 28 goles a favor e 33 en contra.
Un equipo que fóra da casa só conseguiu tres vitorias en Xixón, León e Guijuelo ademais de empatar sen goles en Burgos e Cáceres. Sen embargo, suman 9 dos últimos 15 puntos posibles fóra da casa e 12 dos 21 últimos en xogo perdendo só ante o Tudelano no que vai de ano.
O equipo castelán conta cun plantel amplo ante as posibles ausencias por convocatorias co primeiro equipo, na Segunda división. Entre eles atópanse Jose e Caye Quintana, os dous máximos artilleiros do filial con 7 e 6 goles respectivamente e dous fixos no esquema do seu adestrador.
Esta será a segunda ocasión na que o equipo branquivioleta visite o coliseo santiagués. E na pasada tempada o resultado foi positivo para os nosos, anque cun marcador un tanto inferior ao merecido. Os goles de Quim e Jordan serviron para inutilizar o gol de Teto dende os once metros a dez minutos para o final, algo que meteu en problemas aos branquiazuis ata o final.
Na primeira volta, o resultado foi moi diferente. Despois da vitoria ilusionante no anexo de Zorrilla a pasada tempada, a sorte non estivo do noso lado este ano. Derrota importante nun mal partido entre dous equipos que non xogaron a nada. Dous goles do equipo local aumentaron os problemas nun equipo que perdoou un penalti que Jordan non foi quen de materializar.
Os dous equipos buscarán en San Lázaro facer bo o punto conseguido a pasada xornada. O Compos non puido co Somozas e o mal tempo nun encontro que rematou sen goles. Pola súa parte, o Valladolid B non foi quen de pasar do empate a un gol ante o Lealtad. Pablo Espina fixo o gol dos asturianos e Caye Quintana, a vinte minutos para o final, asinou a igualada definitiva.
En canto ás ausencias, Fredi poderá contar con todos unha vez máis tendo que facer seis descartes antes do encontro. Pola súa parte, Borja Jiménez non poderá contar con Caye Quintana por sanción e Deve por lesión.
O encontro será este sábado ás 17 horas en San Lázaro. Quen non poida achegarse ao coliseo branquiazul poderá ver o encontro en directo na TVG2, escoitalo pola 'Radio Esedé' na web oficial do clube e seguilo polas redes sociais da Curva Branquiazul.
Ningún comentario:
Publicar un comentario