O Compos sumou tres puntos máis de ouro ante un mal Pontevedra. Gran encontro dos nosos baixo unha chuvia importante que, co paso do tempo, empeorou o estado do terreo de xogo. A pesar de todo, os nosos fixeron o mellor partido en moito tempo demostrando que a balón parado tamén se poden facer goles. Catú, do mellor unha vez máis en defensa, foi o autor dun dobrete con dous tantos coa testa e Manu Rodríguez pechou a goleada cun golazo. Ademais, João Camacho debutou e Bicho errou un penalti xa co tempo cumprido.
Fredi sorprendeu xa antes de comezar cunha defensa formada por cinco homes. Portela volveu ao once titular para reforzar a un equipo que foi un muro atrás evitando que homes como Borjas, Jacobo ou Carnero puideran facer dano diante de Pato, que mantivo a súa porta a cero por terceiro partido consecutivo.
Dende o comezo, os nosos dominaron metendo a todo o Pontevedra nun cuarto do seu campo, presionando dende a frontal da área. E se a iso lle incluimos a un Jordan maiúsculo xa pouco podería ir mal. De feito, o ourensán foi o autor da primeira gran chegada branquiazul cun centro que desbaratou a defensa granate. Un gran aviso en cinco minutos mostrando a enorme melloría do equipo.
A Esedé non cesou na busca do gol en ningún momento obtendo boas oportunidades para facer o primeiro gol. Sen embargo, o tanto chegou da maneira menos agardada. Centro dende a esquina, Catú desfaise dun defensa contrario e cabecea a gol. O porteiro toca a pelota pero non é capaz de evitar o primeiro da tarde superado o ecuador do primeiro tempo.
Xa por diante no marcador, Jordan tivo de novo unha gran ocasión para facer o segundo mandando a pelota pegada á madeira na xogada seguinte. Pero ata aí chegou a superioridade local. O Pontevedra, vendo en perigo un posto na promoción de ascenso, Repartiron a posesión da pelota nos quince minutos finais do primeiro tempo pero só o Compos foi quen de achegarse á porta contraria coa mellor ocasión dos noventa minutos que, inexplicablemente, perdoou Guillem no man a man co porteiro.
A segunda metade comezou igual que rematou a primeira. Os dous equipos buscaron a posesión da pelota co equipo de Luisito necesitado dun gol para meterse no partido. Pero só cinco minutos bastaron para aumentar diferenzas. Unha falta lateral moi preto da banda que bota Jimmy, a pelota vaise envelenando e o porteiro mándaa coa man ao longueiro. O rebote chégalle a Catú que só ten que meter a cabeza para facer o segundo.
Co segundo gol, o partido perdeu intensidade. O Pontevedra parecía noqueado e o Compos gozaba da posesión da pelota sen correr riscos que puideran provocar unha contra do conxunto granate. E de novo outra gran chegada de Jordan rematou en gol. O ourensán mete un balón entre os centrais para Manu Rodríguez e este, nunha posición escorada, pégalle entre o pequeno oco que deixou o porteiro co poste. Un golazo do morañés para pechar un encontro dominado en case todo momento polo colista da categoría.
A media hora final foi de novo para os nosos, que non tiveron problemas para manter tamén a seguridade atrás conseguindo que Pato rematase o encontro sen ter traballo algún despois de ver tres disparos que non foron entre os tres paus.
O partido puido rematar cun resultado máis abultado pero o porteiro granate non o quixo así. Na última ocasión do encontro, Kevin Presa derruba a un xogador branquiazul na área e deixa aos seus con dez. Dende os once metros, anque dende a bancada se pedía que o tirase Catú, Bicho non puido superar a Edu, que evitou unha goleada maior.
Fredi completou o seu cuarto encontro ao mando do equipo cunha mellora notable de xogo e resultados conseguindo 7 dos 9 últimos posibles e chegando ao encontro ante o Somozas con máis vida que nunca.
ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Portela, Catú, Sergio Sánchez, Jimmy; Javi Moreno; Jordan (Camacho, min. 73), Manu Rodríguez, Goti (Bicho, min. 67); e Guillem (Chiño, min. 84).
CARTÓNS: Amarelos para Catú, Josu e Goti.
GOLES: 1-0 24' Catú, 2-0 51' Catú, 3-0 62' Manu Rodríguez.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario