Derrota merecida

O Compos non fixo un bo partido ante un Valladolid Promesas que aproveitou a súa mellor ocasión para poñerse por diante. Oitenta minutos por debaixo sen facer un bo xogo nin merecer un empate que puido chegar no tempo engadido dende os once metros. Pero a pelota ás veces non quere entrar e Sergio Sánchez errou un penalti moi importante. A puntería e, sobre todo, Pato, evitaron que un bo equipo pucelano puidera marchar cun resultado maior que os deixa con moitas opcións de lograr a permanencia. Do asistente do colexiado mellor non falar. 
Dende o comezo, o filial castelán quixo levar o manexo do encontro. Sabedores de que a vitoria sería media permanencia para eles, buscaron cedo a porta protexida por Pato e en menos de dez minutos fixéronse cun saque dende o curruncho. Un córner que non quixo desaproveitar Arroyo, libre de marca, para facer o gol pegándolle de primeiras. A pelota colouse entre os defensas restando visibilidade ao porteiro uruguaio, que non foi quen de atrapar a pelota.
A partir de aí, o equipo visitante regalou o esférico ao Compos e pechouse atrás buscando ocasións de perigo á contra. Pero nin así se puido ver un bo fútbol dos nosos sobre un terreo de xogo de San Lázaro castigado polo mal tempo nas dúas últimas semanas na capital galega. 
Mal no centro do campo, sen posibilidades de regalar pelotas aos dianteiros, as mellores oportunidades chegaron a balón parado con Bicho sempre protagonista sacando dende o curruncho. Sen embargo, o xogador de Sada tivo a mellor oportunidade de gol grazas á súa velocidade perdoando ante o porteiro. 
Na segunda metade un pouco máis do mesmo. Bicho tivo a primeira aos quince minutos pero atopouse coa madeira. Esa foi a primeira e case única ocasión dunha segunda parte moi interrumpida por faltas e trocos ademais das constantes perdas de tempo por parte dos xogadores branquivioletas.
Os trocos, a entrada de João Camacho, Dani Hernández e Jesús Varela, non serviron para mellorar o xogo dun equipo descoñecido con respecto ás últimas xornadas recordando moito á primeira volta. Unha primeira volta na que, por certo, o Compos tampouco foi quen de superar a un Valladolid B que fixo o xusto e necesario para gañar. 
Ben é certo que o equipo non mereceu empatar pero nisto do fútbol non sempre gaña quen máis o merece. Sen embargo, neste caso houbo xustiza. O colexiado aumenta catro minutos ao final do encontro e despois de dous corners e un gol anulado por fóra de xogo, chegou a mellor ocasión de todo o partido. Penalti a prol do equipo santiagués e despois dun par de minutos, Sergio Sánchez decide probar sorte pero o seu disparo, raso á esquerda do porteiro, acaba nas mans do gardamallas na que foi a derradeira ocasión do encontro.
Agora o equipo pensa xa en dar a sorpresa en León ante unha Cultural que suma dous encontros sen coñecer a vitoria. 

ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Jesús Varela, min. 75), Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Javi Moreno; Goti (João Camacho, min. 56), Manu Rodríguez, Jordan (Dani Hernández, min. 75), Bicho; e Guillem.
CARTÓNS: Amarelos para Josu, Javi Moreno, Catú e Jesús Varela. Expulsado no banco de suplentes Marqueta.
GOLES: 0-1 10' Arroyo. 
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario