A loita pola permanencia entra na súa fase máis importante. A falta de doce xornadas, 36 puntos, nada está decidido e agora mesmo seis equipos están moi metidos nesa pelexa con seis puntos de diferenza entre o Sporting B e o Peña Sport. E, como todos sabemos, o Compos está metido de cheo nesa loita co obxectivo da salvación. Sen embargo, non será posible de non gañar algún partido fóra da casa. E non hai mellor ocasión de sumar os tres puntos a domicilio que o Reino de León, onde xa se conseguiu dar a sorpresa fai seis anos.
A Cultural Leonesa supera na clasificación á Esedé cunha diferenza de 20 puntos. Actualmente ocupan a sexta posición da clasificación a só dous puntos da promoción de ascenso e, ao igual que o noso equipo, suman dous encontros sen coñecer a vitoria. Sen embargo, na súa casa non son quen de gañar dende o 2015, cando conseguiron sumar os tres puntos ante o filial do Sporting de Xixón.
Xunto co Burgos, trátase do equipo que máis empates asinou no que vai de tempada (9). Ese dato, sumado ás 11 vitorias da un total de 42 puntos. Trátase do quinto mellor equipo cando xoga na casa, a pesar dos catro encontros sen gañar como local, con 7 vitorias, 4 empates e só 2 derrotas ante o Valladolid B e o Guijuelo, dous equipos da zona media baixa da táboa, e ambas nos dous últimos meses.
Non se trata dun equipo moi acostumado a marcar goles. Con 28 goles a favor é un dos equipos menos anotadores pero que, por outra parte, mellor defenden o resultado. Nunca gañaron nin perderon por máis de dous goles de diferenza e só nunha ocasión anotaron 3 goles (2-3 contra o Burgos). Na casa conseguiron repetir ata en tres ocasións o 2-0 e, un dato positivo, aínda non saben o que é gañar a un equipo galego en León (3 empates de 3 encontros).
A nivel individual, Aketxe é o mellor xogador do equipo castelán. O dianteiro vasco suma a segunda tempada fóra da súa terra e a segunda na Cultural, onde de novo é o máximo artilleiro. O pasado ano rematou con 20 goles e segundo na clasificación por ser o máximo goleador da categoría. A estas alturas da tempada suma 9 superando por moito ao resto dos seus compañeiros. Tamén se trata do xogador que máis cartóns viu dos seus.
Esta será a sexta vez na que a Esedé visite o Reino de León. Das cinco anteriores citas, só unha rematou con vitoria para os nosos. No 2010, con Catú no once titular, o resultado foi de 2-4 con dous goles de Rego e outros dous de Iván González. A parte, só un empate fai dous anos cun resultado final de 2-2 cun gol de Catú, e tres derrotas, as dúas primeiras con goleadas incluidas.
O pasado curso, a sorte non estivo do lado branquiazul na primeira saída lonxe de San Lázaro. Un gol de Borja Martínez na segunda metade foi suficiente para que os tres puntos quedasen no campo leonés. Un encontro do que poderían repetir ata sete xogadores no once inicial de Fredi.
Tendo en conta a pasada fin de semana, os dous equipos chegan despois de perder. O Compos non foi quen de empatar sequera ante o filial do Valladolid dende os once metros no tempo engadido. Pola súa parte, a Cultural caeu en Asturias ante o Lealtad por 3 goles a 1.
Para este encontro, Fredi non poderá contar con Raúl Marqueta nin Portela, mancado. O porteiro aragonés foi expulsado a pesar de estar no banco de suplentes por protestar e estará sancionado seis encontros polo que o adestrador moañés terá que convocar de novo a Lucas para o posto de gardamallas suplente. Na Cultural, Tameem será baixa por lesión.
O partido será o domingo ás 17 horas no Reino de León. O encontro poderá seguirse a través das redes sociais tanto do clube coma da Curva. Quen prefira a radio poderá escoitalo nas desconexións da RG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario