A manter o bo momento


San Lázaro acollerá un novo derbi, unha nova final, ante o equipo revelación da categoría. O Pontevedra de Luisito quere volver ao camiño da vitoria fronte a un Compos que suma dous encontros puntuando e sen encaixar goles. Un partido moito máis desigualado que na primeira volta, ao que ambos chegaban empatados a puntos despois dunha soa vitoria en catro xornadas. Agora, catro meses e medio máis tarde, a cousa é moi diferente e os dous equipos buscarán os tres puntos por distintos obxectivos.
O equipo granate é o mellor recén ascendido ocupando un dos catro postos que da dereito a xogar promoción de ascenso á Segunda división. Un equipo que se caracteriza pola seguridade defensiva chegando a este momento da tempada como o segundo equipo que menos goles encaixou (19), só superados polo Logroñés. Cabe destacar que ningún equipo foi quen de gañar por máis de un gol de diferenza sendo o Atlético Astorga e o Lealtad os únicos capaces de marcarlle máis dun tanto, algo que só bastou aos asturianos para conseguir un punto. Sen embargo, a pesar de contar no seu equipo con xogadores coma Borjas Martín ou Pablo Carnero, o equipo de Luisito só foi quen de anotar 29 goles, segundo que menos asinou dos dez primeiros clasificados.
Un seguro como local é un rival moi forte cando sae de Pasarón. En 12 partidos a domicilio, sumaron 18 puntos, a metade do total. 5 vitorias conseguindo a primeira en El Sardinero arrincando unha serie de oito encontros como visitante sen coñecer a derrota. Dita xeira positiva rematou en Tudela cun gol de Chema Mato fai só dúas semanas. En total, 5 vitorias, 3 empates e 4 derrotas. A nivel individual, Borjas Martín é o home máis importante despois de sumar 8 goles, seguido polos 5 de Mouriño. Ademais, contan nas súas filas con Jacobo, xogador que non foi capaz de destacar no seu paso polo Compos e agora é peza chave nos plans do adestrador de Teo.
Na categoría de bronce, esta será a oitava ocasión na que o Pontevedra visite San Lázaro. Os sete enfrontamentos anteriores remataron con tres vitorias para o cadro branquiazul, tres empates e unha vitoria para o conxunto visitante. Sen embargo, a última visita do Pontevedra a Casa Compos foi na Terceira división. O partido, con Fredi no banco local, rematou con empate a un gol. Pola súa parte, na primeira volta, o encontro rematou sen goles.
Para ninguén é sorpresa xa ver aos dous equipos nos postos que ocupan. O Pontevedra encadea tres xornadas sen coñecer a vitoria despois de dous empates e unha derrota en Tudela. Pola súa parte, dende a chegada de Fredi, o Compos encadea unha vitoria e un empate nos dos últimos encontros mellorando notablemente o xogo, anque non o suficiente para deixar o último posto da táboa.
Para esta cita, Fredi poderá contar con tódolos xogadores incluido João Camacho, que non entrou na convocatoria para o partido en Xixón polo que deberá facer seis descartes. Pola súa parte, Luisito non poderá contar con Pablo, baixa por sanción despois da expulsión ante o Lealtad.
O encontro será este sábado ás 18 horas en San Lázaro. Os socios poderán retirar dúas entradas a 5 euros en Preferencia e 10 en Tribuna. Para quen non poida asistir ao derbi, poderá velo na segunda canle da TVG, escoitalo a través da 'Radio Esedé' na web oficial do clube ademais de seguilo polas redes sociais (Twitter e Facebook) da Curva Branquiazul. Cabe destacar tamén que o clube abrirá o Fondo Norte para a chegada de afeccionados granates.

Ningún comentario:

Publicar un comentario