Volta a casa polo Nadal

A segunda fichaxe do noso Compos xa está na que será de novo a súa casa. Manu Rodríguez volta á súa casa polo Nadal no que é o mellor regalo de reis para a afección branquiazul. O que foi capitán do noso equipo e defendeu as cores durante catro tempadas, volve para quedarse ata o final desta tempada e acadar a permanencia co resto dos seus compañeiros. 
Manu Rodríguez deixou o Compos ao final da pasada campaña para emprender camiño cara a Arandina, equipo recén ascendido á Segunda división. En terras burgalesas só estivo media tempada chegando a un acordo co clube para a rescisión do seu contrato a falta de dúas xornadas para o final da primeira volta. 
O morañés coñece á perfección o equipo e parte dos seus compañeiros xa que militou na Esedé ata a pasada campaña. Unha das principais personaxes nos ascensos a Terceira e Segunda B que se gañou a pulso a titularidade con Anxo Casalderrey, Fredi Álvarez, Ibán López e Iñaki Alonso. Coseguirá tamén ser un fixo ás ordes de Alberto Mariano? 
Pouco se pode dicir deste xogador que pode ocupar diferentes posicións no centro do campo. Pode substituir ou acompañar a Marcos na parte defensiva do medio campo ou ben ocupar unha das posicións máis ofensivas aproveitando a súa forza para anotar goles dende lonxe, algo do que carece o equipo polo momento. 
Manu, de 29 anos, volve ao Compos despois de sumar máis de mil minutos na Arandina na primeira volta en 17 partidos. Anteriormente, o de Moraña vestiu a camisola branquiazul en máis de cen encontros sumando un total de 80 na Segunda división B, experiencia máis que suficiente para ser de novo unha peza importante no once inicial.
Coa volta de Manu Rodríguez e a fichaxe de Bicho, o equipo mellora o centro do campo pero aínda non pecha o plantel. Polo de pronto, por San Lázaro agárdase a chegada dun dianteiro con gol, un posto que polo momento ocupará Chiño.
Para finalizar, dende a Curva Branquiazul queremos desexar un bo regreso a casa a un dos nosos xogadores máis queridos. Benvido á túa casa Manu! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario