Está claro que o Compos non está a pasar por un bo momento tanto tendo en conta en resultados coma en canto ao xogo sobre o terreo de xogo. Despois de rematar a primeira volta na última posición da táboa en Liga e eliminados en primeira rolda en Copa do Rei e posteriormente na Copa RFEF, chega o momento de intentar arranxar un pouco as cousas. E non hai outra maneira que botando man do mercado de inverno, que en España abriu as súas portas o luns 4 de xaneiro.
Antes de recibir á Arandina, o clube xa fixera oficiais as saídas de Gerard Oliva e Rubén Sánchez, que deixan o clube camiño do L'Hospitalet e o Mensajero respectivamente, e horas despois a chegada de Bicho. O sadés chega cedido polo Deportivo despois de non xogar nin un so minuto na primeira volta co Leganés na Segunda división.
Aos seus 19 anos, o mediapunta galego baixa unha categoría despois de dous anos e medio xogando na Segunda división. Despois de estrearse co primeiro equipo coruñés saiu en calidade de cedido ao Barcelona B, equipo co que non puido manter a categoría, e esta mesma tempada fixo as maletas camiño de terras madrileñas. Agora, unha das perlas da canteira branquiazul, terá a súa oportunidade na Esedé.
Coa saída de Gerard Oliva, queda unha praza de dianteiro vacante. Para ese posto soan diferentes nomes. Delibasic, Nacho Novo, Manu Barreiro, Nacho Rodríguez e algún que outro dianteiro do Huracán Valencia, que non sairá a xogar na segunda volta e todo o seu plantel está a buscar equipo. Xogadores importantes e experimentados para rematar coa sequía goleadora que acompaña aos nosos.
Outra parte do equipo a mellorar é o centro do campo. A columna vertebral do equipo precisa unha mellora urxente e neste caso aparecen nomes de vellos coñecidos. Manu Rodríguez, Álvaro Lemos e Teles son os principais nomes. No caso do portugués e o de Moraña, non haberá que negociar con ningún clube xa que están sen equipo mentres que no caso de Lemos hai que falar dunha cesión co Lugo, algo case imposible xa que o equipo lucense ten un convenio co Somozas.
No capítulo de baixas, Goti ten moitas papeletas de deixar o clube despois de perder o posto por mor dunha lesión. Ademais, fálase dunha posible oferta do Barakaldo para levarse a Orbegozo. Pero todo isto son só rumores. Non hai nada oficial. Haberá que agardar a recibir novas por parte dos clubes pero está claro que isto non vai ser nada fácil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario