Comecemos de cero

Comeza a segunda volta. É o momento de facer borrón e conta nova e comezar de cero. Coa mente
posta en facer unha segunda parte do campionato de récord para manterse na categoría de bronce un ano máis, o Compos recibirá este domingo ao Logroñés, o equipo menos goleado do grupo e un dos favoritos para estar o vindeiro curso na Segunda división só superado agora mesmo polo Racing de Ferrol, equipo que non está a pasar por un bo momento.
O domingo voltará a San Lázaro un dos mellores equipos da categoría nos últimos anos. Un equipo que en toda a primeira volta encaixou o mesmo número de goles que os que o Compos marcou, uns datos que demostran as dificultades que haberá para sumar algo positivo. En canto á clasificación, ocupan a segunda praza só por detrás do equipo ferrolán, ao que parecen achegarse pouco a pouco ata poñerse agora mesmo a 4 puntos de diferenza. Acumulan 36 puntos grazas a 10 vitorias, 6 empates e só 3 derrotas, sendo xunto co Racing de Ferrol e a Cultural Leonesa os equipos que menos derrotas recibiron. De feito, só Racing de Ferrol, Izarra e Somozas foron quen de superar aos rioxanos caendo por última vez fai dous meses.
Un equipo que asusta, con bo xogo e mellores resultados e que arrincou a tempada cunha vitoria en Las Gaunas ante o noso Compos. Un partido onde os locais superaron aos nosos en todo momento gañando o partido por un contundente 3-0 no principio do noso fin. A iso hai que sumar os 17 puntos de 21 posibles nas 7 últimas xornadas de liga, algo que demostra o nivel no que visitarán San Lázaro.
A Unión Deportiva Logroñés é un equipo de moi curta vida. De feito, esta será a terceira ocasión na que os homes de Carlos Pouso visiten San Lázaro. Nas dúas visitas anteriores, os encontros remataron con igualdade. Na primeira ocasión, o Compos conseguiu sumar os tres puntos grazas aos goles de Joselu e Jordan mentres que a pasada tempada foi Titi o encargado de facer o único gol do encontro.
Para o encontro, Alberto Mariano contará coa única baixa, por sanción, de Portela. Ademais, xunta del non estarán no banco o segundo adestrador Adrián Boo nin o preparador físico Pedro López, que xa non forman parte do clube despois de rescindir os seus contratos o venres. Si que volve á convocatoria Chiño, que de ter minutos pasaría a ser oficialmente xogador do primeiro equipo sen posibilidades de ter máis minutos no Estudiantil e estréanse Manu Rodríguez e Bicho. Pola súa parte, Carlos Pouso non poderá contar con Jacobo Trigo nen Iker Alegre, os dous por sanción. 
O partido xogarase este domingo en San Lázaro, que parecerá máis unha piscina que un campo de fútbol despois do temporal que está a caer en toda Galiza. Para o encontro, o clube puxo á venta nas oficinas uns descontos para acompañantes de socios só ata o sábado pola mañá, co agasallo dunha botella de viño por entrada. Será ás 16:30h e que non poida estar no coliseo branquiazul poderá escoitalo pola 'Esedé Radio' na web oficial do clube, seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul ou velo en directo na segunda canle da TVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario