Unha final directa


O Compos buscará manter o bo estado que mostrou no encontro ante o Izarra en San Lázaro. O encontro máis importante do que vai de tempada ante un rival directo pola permanencia onde, ademais, o equipo de Fredi buscará romper dúas estadísticas negativas: o equipo aínda non sabe o que é gañar fóra da casa e o adestrador moañés aínda non foi quen de dirixir unha vitoria a domicilio na Segunda B co equipo da capital galega. Diante estará o Sporting de Xixón B, o equipo con peores números cando xoga de local.
O domingo visitaremos a un dos tres filiais que xogan na categoría, e que curiosamente os tres están dentro da loita pola permanencia. O segundo equipo do Sporting de Xixón ocupa agora mesmo o 16º posto, o que da opción a xogar a promoción de permanencia. Trátase dun equipo que, curiosamente, suma máis puntos coma visitante que na súa propia casa. De feito, en Mareo sumaron ata o momento 11 puntos de 30 posibles mentres que a domicilio chegaron os 13 restantes completando os 24 de 66 que suman ata o momento, superando ao Compos en 7 puntos.
Se por algo se pode caracterizar o equipo de Tomás Hervás é por non ser un equipo moi goleador. É o terceiro equipo que menos goles sumou ata o momento (18) só superado polo Cacereño e o noso Compos pero, por contra, é o segundo equipo que menos goles recibiu (29) dos oito que parecen estar na loita pola permanencia, un dato que só mellora o Cacereño.
Como tódolos filiais, os mellores xogadores do equipo asturiano entran nas convocatorias co primeiro equipo, polo que non é sinxelo saber quen é o mellor dos seus. En canto aos goleadores, Pablo e Mendi comparten o primeiro posto da lista con 4 tantos cada un.
A Esedé visitará o campo do filial xixonés por cuarta ocasión. Nos tres enfrontamentos anteriores tivemos diversos resultados, para tódolos gustos, pero sempre con goles. Na primeira visita, no 2001, o Compos asinou a vitoria con un contundente 0-3. Fai dous anos, na nosa volta á categoría de bronce, os dous equipos remataron cun home menos e un reparto de puntos grazas a un 2-2 cun equipo do que só poderían repetir esta fin de semana Jimmy, Manu e Jordan. E a pasada campaña chegou o peor resultado para os nosos cunha dura derrota a dúas xornadas para o final. Un contundente 3-0 rematando coas opcións dos nosos na loita por entrar na promoción de ascenso á Segunda división.
En canto á primeira volta, é importante que o Compos busque neutralizar ou incluso superar o 0-2 da ida, un resultado importante se rematan a liga os dous equipos empatados a puntos co descenso en xogo.
A esta cita, os dous equipos chegan de forma moi diferente. O Compos rematou cunha pésima serie de resultados, case dous meses sen coñecer a vitoria. Unha vitoria importantisima para manter a vida na loita por seguir un ano máis na categoría. Pola contra, o Sporting B non tivo sorte nin puntería para superar ao Lealtad, ao que lle bastou un gol na primeira metade para gañar. Os roxibrancos perdoaron un penalti.
Para este encontro, Fredi poderá ter a todo o equipo ao seu mando coas novidades de Guillem Martí e João Camacho ademais da baixa de Orbegozo, que deixou o equipo o pasado luns. Mentres que o adestrador asturiano non poderá contar con Julio, ausencia por acumulación de amonestacións.
O encontro será o domingo ás 12 da mañá no campo nº 1 da Escola de fútbol de Mareo. Quen non poida estar no campo poderá seguir o encontro polas redes sociais da Curva Branquiazul en directo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario