Coa saída de Gerard Oliva, o Compos quedou só con Orbegozo como dianteiro, polo que Chiño pasou ao primeiro equipo sen poder xogar máis no Estudiantil. A pesar da chegada do santiagués ao plantel, o corpo técnico decidiu buscar no mercado outro dianteiro de calidade que mellore os números, pésimos ata o momento, do equipo. E despois de tres semanas tanteando o mercado, chega a 'Casa Compos' Guillem Martí.
Nado en Mercadal (Menorca) fai 30 anos, o dianteiro chega procedente do Guadalajara, equipo do grupo 2 da Segunda B. Xogador rápido, con experiencia no fútbol nacional e, sobre todo, na categoría de bronce, na que xogou nos catro grupos. Pasou polas filas de equipos como Zaragoza B, Sporting Mahonés, Terrassa, Tenerife e Huesca, anque sen contar con moitos minutos. Ademais, coñeceu o fútbol de Austria, debutou na Segunda división coa camisola do Tenerife e incluso debutou na Europa League.
Trátase dun dianteiro que de ter minutos conta con gol. Na primeira volta co Guadalajara fixo 4 tantos sendo o máximo goleador do seu equipo. En total, entre todos os seus equipos, a conta ascende a 38 goles en 149 encontros anotando 17 na tempada 2009/10 en 38 encontros nas filas do Sporting Mahonés asinando así o seu mellor rexistro nunha mesma tempada.
Coa chegada de Guillem Martí, o equipo buscará repetir a melloría do equipo a pasada tempada coa chegada de Yacine Qasmi. Ademais, búscase tamén a contratación ata final de tempada dun xogador de banda para facer chegar máis balóns aos dianteiros, pero para iso habería que dar baixa a algún xogador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario