Primeira e última

O Compos asinou este sábado a primeira derrota do ano 2016 e a última da primeira volta. Unha dura derrota ante un rival directo pola permanencia nun partido un tanto igualado e no que un pequeno erro da defensa rematou no gol da vitoria visitante. Rematando o encontro con dez, despois da expulsión de Portela, e topándose coa madeira ata en tres ocasións nas mellores oportunidades. 
No primeiro encontro deste novo ano, o Compos sen aínda novidades no once inicial saltou ao terreo de xogo en busca da pelota. Sen embargo, a Arandina foi superior nos minutos iniciais chegando con máis perigo á porta local grazas, en gran parte, a Pau Franch, o mellor dos seus. Sen embargo, o dianteiro castellonense non foi quen de superar a un gran Pato na primeira metade, moi ben de novo durante todo o encontro. 
Sen apenas opcións de superar a barreira castelana co balón xogado, con moitos problemas para facer chegar pelotas a Orbegozo, as mellores ocasións da Esedé chegaron a balón parado. Nunha falta lateral e un córner directo a porta chegaron os dous paus da primeira metade co que facer un pouco de fronte á superioridade da Arandina, que estivo moi preto do gol.
A segunda metade foi un pouco máis do mesmo. A Arandina saltou ao terreo de xogo cunha marcha máis e aos seis minutos obteron un premio importante. Chegada pola banda dereita, balón a Pau Franch e este pégalle á media volta ante Portela, que non puido adiviñar cara que lado xiraría o castellonense para rematar. Pato non tivo opcións para parar o disparo. 
Co gol en contra, Alberto Mariano buscou unha solución cos trocos pero só atopou máis problemas. O Compos fíxose coa pelota ante unha Arandina que se defendeu sen apenas problemas dun conxunto sen ideas. Á contra, os burgaleses non foron quen de facer o segundo pero si de producir un novo golpe aos nosos. Unha nova contra que intenta evitar Portela tirándose ao chan pero chega tarde e ve un cartón vermello directo a quince minutos para o final. 
O tramo final do encontro foi de control total da Arandina ante un Compos sen ideas, sen fútbol e que precisa moito traballo por diante para poder sacar isto adiante. Un final que mostra á perfección o que foi a primeira volta dun equipo que ten moito que trocar do centro do campo para diante neste mercado invernal.

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Portela, Sergio Sánchez, Jimmy; Marcos; Jordan, Fondevila (Mon, min. 46), Joaquín, Dani Hernández (Juan Rey, min. 70); e Orbegozo (Chiño, min. 63).
CARTÓNS: Amarelos para Sergio Sánchez, Joaquín e Dani Hernández. Expulsado Portela por cartón vermello directo.
GOLES: 0-1 52' Pau Franch. 
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario