Máis movementos

Despois da confirmación da marcha de Rubén Sánchez a terras canarias, o clube confirmou pola tarde a saída de Gerard Oliva do clube. O dianteiro catalán, que chegou ao Compos ao mesmo tempo que o seu ex compañeiro albaceteño, deixa tamén o equipo para poñer rumbo, aínda non hai nada oficial, a terras catalanas para xogar no CE L'Hospitalet ata o final da tempada.
Procedente do Murcia, Gerard Oliva chegou para ser o segundo dianteiro do equipo. Por detrás de Orbegozo en canto á titularidade, o catalán comezou a tempada titular. Con Orbegozo tamén no once, o catalán foi o autor do primeiro gol do equipo en San Lázaro ante o Peña Sport. A partir de aí, comezou os encontros no banco de suplentes saíndo en sete ocasións máis pasando por unha dura lesión que o tivo moito tempo fóra dos terreos de xogo pero sen máis sorte de cara a porta. 
Deixa a Esedé criticado despois de frouxas ocasións, por outra parte comprensibles xa que non chegan case balóns aos dianteiros por parte dos centrocampistas. 13 encontros xogados, un gol, máis de 600 minutos... Números que non chaman a atención e que provocaron a súa saída. 
Aínda non hai confirmación oficial pero xa parece que o clube ten ao seu recambio. Bicho chegará cedido ata o final da tempada procedente do Depor. O mediapunta de Sada non conta con oportunidades no Leganés, na Segunda A, e buscará minutos no noso equipo, na categoría de bronce. Formado nas categorías do clube coruñés, segue os pasos de Lemos a pasada campaña con minutos importantes en mente. 
Javier Fernández Abruñedo, máis coñecido no mundo do fútbol como Bicho. Trátase dun xogador de só 19 anos, polo que ocupará unha das prazas de 'sub-23'. Debutou na 2012/13 no Fabril na Terceira división e nun ano loitou pola titularidade no equipo anotando un gol en cada tempada. Pero con vistas de xogar no primeiro equipo, o sadés saiu cedido cara ao Barça B o pasado curso. Nunha mala campaña do filial culé, con descenso incluido, xogou case na metade dos encontros sen sorte de cara a gol, algo que fixo que o equipo non exercera a opción de compra. E durante a primeira metade desta tempada, estivo nas filas do Leganés, co que non chegou a debutar en partido oficial. 
Nas vindeiras horas podería facerse oficial a súa contratación e debutaría ante o Logroñés en San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario