Se hai algo que está claro neste equipo é que hai grandes problemas á hora de marcar goles. Só 12 goles en 22 encontros marcan ao colista como o equipo menos goleador da categoría. Para intentar arranxar este dato, o clube busca un novo adestrador dende a apertura do mercado invernal pero antes hai que dar baixa aos que hai. E despois da marcha de Gerard Oliva o clube sorprende coa baixa a Mikel Orbegozo.
O dianteiro vasco chegou procedente do Xetafe B, no que deixou moi bos números a pasada tempada. Sen embargo, xa dende a súa chegada no mes de agosto, os seus números, ao igual que o seu rendemento dentro do campo, non foi o agardado. Marcha da Esedé despois de ser titular por diante de Gerard Oliva e Chiño en 20 partidos sendo o máximo goleador do equipo con 3 goles.
Orbegozo estreouse como goleador do Compos na xornada 12 ante o Tudelano en San Lázaro. A estrea de Alberto Mariano non só rematou coa segunda vitoria branquiazul neste curso senón que ademais chegou co primeiro gol do '9' branquiazul dende os once metros no minuto 89. Dúas semanas máis tarde, nun novo derbi na casa, fixo de novo o gol que significou a vitoria ante o Celta B, e de novo de penalti. E pechou o 2015 cun gol en Astorga para un empate importante fóra da casa no que foi o seu primeiro, e último, gol de xogada. Tres goles en máis de 1.500 minutos nun equipo con grandes dificultades para facer gol.
Agora só queda desexarlle moita sorte a Orbegozo e agardar novas sobre o mercado xa que nas vindeiras horas será oficial a chegada de Guillem Martí procedente do Guadalajara ata o final da tempada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario