Marchas as meigas!

O Compos gañou un novo partido case dous meses despois. O regreso de Fredi ao banco de San Lázaro chegou da mellor maneira posible: bo xogo e vitoria cun equipo animicamente moi diferente ao dos últimos encontros. Xogo de toque, con boas chegadas polas bandas e creando máis ocasións de perigo que ata o momento. Caben destacar o retorno de Goti ao once e o bo encontro de Chiño, que tivo os noventa minutos, ante a ausencia de Orbegozo. Jordan, que está a ser do mellor en toda a tempada, e Bicho foron os autores dos goles.
Se contra o Peña Sport o equipo mostrou unha melloría no xogo, anque non se reflexe no resultado, ante o Izarra chegou a confirmación desexada. Con Fredi este equipo recuperou o fútbol que namora en San Lázaro e, por sorte, o camiño do gol e a seguridade defensiva. Un fútbol de posesión, de xogo de toque... Fútbol de salón para moitos cun equipo que na man de Iñaki Alonso parecía non saber dar tres pases seguidos.
As bandas foron o máis importante dende o primeiro instante. Josu e Jimmy estiveron máis en labores ofensivas que defendendo ofrecendo numerosos centros aos atacantes. Sen embargo, foi Goti o que iniciou a xogada máis importante da primeira metade. O vasco pasa a pelota a Jordan e este busca un oco entre a defensa na frontal. Disparo potente, raso do ourensán mandando a pelota ante dous contrarios, que puideron facer algo máis directamente ao fondo das mallas. Un gran gol, o primeiro deste 2016. 
Pouco a pouco, o Compos mantívose coa pelota sen buscar a portería pero sen cometer erros que puideran saír caros. Algo que demostra isto é que os centrais xogaron gran parte do encontro por diante da liña do centro do campo sen correr riscos ante un equipo inofensivo. Da Esedé antes do descanso, dende o gol, pódese destacar un centro de Chiño que non chegou a Manu por moi pouco. 
Na segunda metade un pouco máis do mesmo. O Compos saltou ao terreo de xogo con gañas de rematar o traballo o antes posible. E só precisou cinco minutos para que Chiño e Bicho creasen unha xogada de ensoño. Pato abre dende a súa área para Josu, este chega a campo contrario e cede a pelota para Chiño. O ex do Estudiantil pásalla a Bicho e este pégalle de primeiras salvando a mala saída do porteiro visitante. Un golazo para demostrar que anque leve aquí pouco tempo xa está afeito ao equipo. 
Máis de media hora por diante para o final do encontro. Uns minutos marcados polos trocos e as interrupcións polas faltas realizadas no centro do campo por parte dos dous equipos, xa co encontro resolto en favor dos nosos. De feito, só houbo dúas ocasións de perigo, unha por equipo. Pato foi capaz de manter a súa porta a cero por quinta ocasión nesta tempada e Josu, que tivo unha gran actuación, non rematou o encontro cun gol por moi pouco. 
Vitoria para a esperanza que, despois da vitoria do Atlético Astorga ante o Celta B, deixa ao Compos último unha semana máis pero un pasiño máis preto do obxectivo. Un paso que se poderá facer máis importante de puntuar o vindeiro domingo en Xixón ante un rival directo pola permanencia. 

ALIÑACIÓN: Pato, Josu, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Javi Moreno (Marcos Rodríguez, min. 60); Jordan, Manu Rodríguez, Bicho (Fondevila, min. 75), Goti (Joaquín, min. 82); e Chiño. 
CARTÓNS: Amarelo para Javi Moreno, Chiño e Pato. 
GOLES: 1-0 20' Jordan, 2-0 51' Bicho.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario