Algo máis que un encontro

A partir de agora xa tódolos encontros ata o final da tempada serán finais para un Compos cada vez con menos opcións de estar un ano máis na Segunda B. E despois das tres últimas derrotas, o encontro ante o Izarra do vindeiro sábado será aínda máis importante tanto deportivamente como á hora de recuperar os ánimos do plantel branquiazul no que será o primeiro encontro de Fredi na súa volta a San Lázaro.
O Izarra ocupa unha das prazas de tranquilidade, obxectivo dos navarros ao principio da tempada, a oito puntos dos postos de descenso. Trátase dun dos equipos con menos goles a favor (21) pero tamén é un dos equipos con menos goles recibidos ata o momento (24). E todo isto despois de 8 vitorias, 5 empates e outras 8 derrotas en 21 encontros xogados ata o momento. A nivel individual, Pito Camacho é o máximo goleador con 6 tantos ata o momento.
Como locais trátase dun equipo duro difícil de superar, só o Somozas foi quen de gañar en Estella, pero cando saen de Merkatondoa as cousas son moi diferentes. 8 puntos de 33 posibles confirman aos navarros como o sexto peor equipo do grupo a domicilio despois de gañar só en Valladolid e Cáceres. Sen embargo, é un dos poucos equipos capaces de sorprender na Malata volvendo a casa cun punto. En canto aos goles, fóra da súa casa anotaron 10 e encaixaron 23, números similares aos que está a facer o Compos en toda a tempada. 
Esta será a segunda ocasión na que os navarros visitan San Lázaro onde os navarros gañaron 0-2. Un partido onde Jimmy e Catú foron titulares. Ademais, na primeira volta, o Compos caeu cun axustado 1-0 con gol de Pito Camacho nun encontro no que destacou o gran número de faltas e cartóns recibidos polos locais.
A esta cita importante, os dous equipos chegan de maneira moi diferente. O Izarra sumou 7 dos últimos 12 puntos posibles empatando o último encontro na casa ante o Lealtad. Pola súa parte, o Compos suma sete xornadas sen coñecer a vitoria e tres derrotas consecutivas dende o empate ante o Atlético Astorga no derradeiro encontro do 2015. 
Para o encontro, Fredi poderá contar con todo o plantel despois da sanción de Portela e a única dúbida de Orbegozo, con molestias. Pola súa parte, o Izarra parece chegar coa dúbida de Lizarraga por sanción mentres que recuperan a Pito Camacho e Ziganda, os dous baixas ante o Lealtad por sanción.
O encontro será este sábado ás 18 horas en San Lázaro. Quen non poida achegarse ao coliseo branquiazul poderá ver o encontro a través da segunda canle da TVG en directo, escoitalo pola 'Radio Esedé' na web oficial ou ben seguilo polas redes sociais (Facebook e Twitter) da Curva Branquiazul ou ben os perfís oficiais do clube.

1 comentario:

  1. En la 09/10 jugamos contra el Izarra, con 2-o en Merkatondoa y 0-2 en San Lázaro.Un saludo ¡

    ResponderEliminar