Fredi volve a Casa Compos

A falta de 18 xornadas para o final da tempada, chega ao Compos o terceiro adestrador do curso. Fredi colle de novo o mando do equipo no peor momento posible. O de Moaña, recordemos, xa adestrou aos nosos na última etapa na Terceira división logrando o ascenso á Segunda B e asinando a permanencia nunha curiosa tempada sen vitorias lonxe de San Lázaro, algo que se está a repetir este ano.
Alfredo Álvarez 'Fredi' chegou o 25 de outubro de 2012 a Casa Compos. Despois de nove xornadas con Anxo Casalderrey, autor do ascenso á Terceira; o adestrador moañés fíxose co equipo e sumou ata once xornadas sen coñecer a vitoria e encaixando só catro goles. O equipo mellorou notablemente en canto a xogo e só sumou tres derrotas en máis de vinte encontros. 
A tempada seguinte, na Segunda B, foi quen de salvar ao equipo sen coñecer a vitoria fóra da casa. Con 44 puntos, o equipo foi 12º a 6 puntos dos postos de descenso no último ano de Joselu coa camisola branquiazul, facendo 30 goles. 
Baixo a batuta de Fredi, o Compos xogou 71 encontros con 32 vitorias, 24 empates e só 15 derrotas. Uns números que lle abriron as portas do Celta B, onde foi destituido aos tres meses despois de problemas coa directiva. Pola súa parte, Alberto Mariano deixa o primeiro equipo para volver ao Xuvenil A.
Agora só queda agradecer a Alberto Mariano o feito ata agora e desexar moita sorte a Fredi nesta nova etapa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario