Contra doce non podemos

O Compos fixo un bo partido ante o segundo clasificado pero non o suficiente para rematar con, polo menos, un punto. Un encontro onde os nosos foron superiores pero a pelota non quixo entrar na portería. Na outra parte do campo, o Logroñés tivo a gran axuda do árbitro, sobre todo na acción do segundo gol. Ata cinco cartóns amarelos para xogadores branquiazuis, dous na xogada do penalti, nun encontro marcado pola estrea de Bicho e a volta de Manu Rodríguez. Ademais, Chiño xogou os noventa minutos e xa forma parte do plantel do primeiro equipo.
A segunda volta comezou igual que rematou a primeira: con derrota. A Esedé non foi quen de superar ao Logroñés nun encontro onde a chuvia caída nos últimos días sobre a capital galega impediu o xogo rápido de toque. De feito, o estado do terreo de xogo igualou as forzas ata o punto de que o Compos foi o dono da pelota metendo aos rioxanos no seu campo e obrigándoos a buscar a sorpresa á contra.
A balón parado chegaron dúas boas ocasións na primeira metade que non se puideron concretar por parte dos nosos. Por parte dos homes de Carlos Pouso, nos primeiros corenta e cinco minutos non foron quen de poñer en problemas a un Pato moi seguro durante todo o enfrontamento.
Na segunda metade, máis do mesmo. Moito xogo no centro do campo, sen un dono claro e co Compos buscando deixar todo sobre a piscina sen acerto na parte final do terreo de xogo. Pola súa parte, o Logroñés puido adiantarse á contra. Xogada de Joel Valencia, dispara pero tópase con Pato. O uruguaio non acerta a facerse coa pelota e Pere Milla, que chega dende atrás, marca a porta baleira.
O gol foi un xarro de auga fría ante o que non puido haber unha reacción rápida. De novo sen un dominador da pelota, os rioxanos buscaron sorprender pola banda dereita do seu ataque. Sergio Sánchez tira da camisola a un rival e derríbao fóra da área a piques de entrar. O colexiado sinala a falta fóra da área pero o asistente de banda asegura que foi dentro. Penalti, cartón amarelo para o central branquiazul e outro para Pato por protestar. Dende os once metros non perdoou Muneta asinando o segundo e definitivo gol do encontro, un gol que non debeu subir ao marcador. 
A partir de aí, os quince últimos minutos foron de control branquiazul ante un Logroñés que só tivo que defenderse e aguantar o resultado. Con máis corazón que cabeza, os nosos tentaron dar unha sorpresa final sen sorte nin acerto comezando a segunda volta ao igual que a primeira. 
Agora, un pouco máis lonxe da permanencia, toca pensar no seguinte encontro ante o Peña Sport en Tafalla onde unha derrota podería ser unha sentenza de morte, ter pé e medio na Terceira división. Ademais, nas vindeiras horas podería haber un novo troco de adestrador coa volta de Fredi á que foi a súa casa durante ano e medio.

ALIÑACIÓN: Pato; Jesús Varela, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos (Dani Hernández, min. 85); Jordan (Josu, min. 75), Manu Rodríguez, Bicho, Orbegozo; e Chiño.
CARTÓNS: Amarelos para Manu Rodríguez, Jesús Varela, Marcos Rodríguez, Pato e Sergio Sánchez.
GOLES: 0-1 66' Pere Milla, 0-2 76' Muneta. 
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario