A Primeira división está de novo en San Lázaro. Este domingo recibimos a un equipo en horas baixas pero sempre forte. Un rival cun amplo pasado na Primeira división do fútbol español e que pasa por terceira tempada na súa historia polo inferno da Segunda división B. Un encontro que non será para nada fácil para ningún dos dous equipos entre dous conxuntos que se viron as caras a maioría das ocasións na máxima categoría do fútbol nacional.
A primeira vez que o Racing visitou Santiago, o campo de Santa Isabel, foi na tempada 91-92, na Segunda división. Naquela primeira visita, os cántabros voltaron a casa cos tres puntos grazas ao gol de Sabou. No Compos xogaron homes tan importantes na nosa historia coma Bellido, Pichi Lucas e Moure. Meses despois, na 92-93, o Racing levouse de novo os tres puntos cun gol de penalti do ex adestrador do Lugo Quique Setién.
No ano 94, xa na Primeira división, o Compos sumou a súa primeira vitoria ante os santanderinos por 2-1 con goles de Christensen e Pichi Lucas para os nosos e de Luis Fernández para os visitantes. No 95, a vitoria tamén quedou na casa grazas aos goles de Villena e Ohen nos minutos finais do encontro. A única ocasión na que os tres puntos non quedaron en San Lázaro en Primeira foi na 96-97. Un empate a un gol con Ohen para os nosos e Schürrer coma autores dos tantos. E de novo, a vitoria chegou a finais do ano 97 por 3-1 con dous goles de Popov e un de Fabiano ante o de Diego López.
Fai dous anos, na 2013-14, o Racing superou a un Compos recén ascendido á Segunda B grazas aos goles de Koné e Juanpe. Un partido onde a Esedé rematou con dez despois da expulsión por dobre amonestación de Jimmy nos minutos finais do encontro. Daquel encontro poderían repetir Catú, Jimmy, Jesús Varela e Jordan, habituais no equipo desta tempada.
O Racing chegará a San Lázaro esta tempada coma un dos mellores equipos da categoría. Suman polo momento 28 puntos grazas a 8 vitorias, 4 empates e 4 derrotas. Un equipo que foi de menos a máis sumando catro vitorias e un empate nos cinco últimos encontros. 26 goles a favor confirman ao equipo racinguista como o terceiro máximo goleador da categoría. Por contra, encaixaron 15 tantos. Nas súas filas contan con xogadores tan importantes coma Dioni, máximo artilleiro do equipo con 5 tantos, e Dani Sotres, un dos mellores porteiros da categoría e internacional nas categorías inferiores da Selección Española.
Ao encontro, os dous equipos chegan en momentos moi diferentes. O Compos conta por derrotas os dous últimos encontros ante Racing e Coruxo encaixando 7 goles e anotando só un. Pola súa parte, o Racing pasa por un momento de forma envexable despois das catro últimas vitorias. Na última xornada conseguiron entrar entre os catro primeiros grazas á vitoria ante o Lealtad no Sardinero.
En canto ás baixas, Portela e Goti poderían estar preto da volta aos terreos de xogo mentres que Josu e Jordan voltarán despois da ausencia por sanción en O Vao. Álvaro Peña e Borja San Emeterio serán baixa por lesión no equipo cántabro.
O encontro será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. As entradas para non socios serán ao mesmo prezo que toda a tempada mentres que os socios poderán retirar dúas entradas a 15 euros para preferencia e 20 euros para tribuna ademais de recibir coma agasallo unha botella de viño oficial do clube ou tres no caso de mercar dúas entradas. Nesta ocasión non poderá verse na TVG2, anque si pola web da CRTVG, pero os que non poidan estar en San Lázaro poderán escoitar o encontro na 'Radio Esedé', na web oficial do clube, ademais de seguilo en directo nas contas de Facebook e Twitter da Curva Branquiazul.
Ningún comentario:
Publicar un comentario