O peor resultado en moitos anos

O Compos non foi quen de voltar de Vigo cun resultado positivo. Lonxe de sumar polo menos un punto, o equipo voltou de O Vao co peor resultado en moitos anos. Un equipo que se fixo dono da pelota, que mostrou un bo xogo pero que non foi quen de achegarse á porta de Brais con perigo. Na segunda metade, despois do terceiro gol local, o equipo baixou os brazos e encaixou dous máis. Cinco goles ante os que só Joaquín puido facer fronte cun tanto no primeiro tempo, o da esperanza. 
A estrea de Alberto Mariano coma adestrador oficial no banco do noso equipo non foi para nada positiva. O Compos saiu ao terreo de xogo con forza, tendo nas botas de Orbegozo a primeira ocasión do encontro. Sen embargo, o Coruxo respondeu con forza. Ortiz tivo nas súas mans o primeiro, ante o que Pato sacou unha man salvadora e Santi Comesaña non perdoou. Centro dende o curruncho, o centrocampista salta máis que Javi e pon o esférico no oco que deixa Pato co poste.
A pelota foi para os de rosa fucsia pero as ocasións de perigo seguiron chegando sobre a porta de Pato. O uruguaio salvou de novo ao equipo mantendo as opcións, que desaparecían en cada mala decisión en campo contrario. 
Os minutos pasaban sen que o Compos tirase a porta. Pola súa parte, o Coruxo chegaba á porta de Pato á contra, con velocidade, ou a balón parado. De feito, as xogadas de estratexia remataron a un equipo que non foi capaz de evitar un segundo gol moi parecido ao primeiro. Falta na banda, balón á área e gol de Santi Comesaña cun disparo cruzado.
Antes do descanso, para aumentar un pouco as opcións branquiazuis, Joaquín recurtou diferenzas. Mon loita por un balón, dende o chan pásalle a pelota ao cordobés e éste pégalle dende a frontal. Bo gol co que chegar á segunda parte cun obxectivo un tanto mellor. 
Tras o descanso, o equipo fíxose coa posesión da pelota pero, unha vez máis, en ataque foi nulo. As imprecisións e as interrupcións marcaron a primeira media hora do segundo tempo. Trinta minutos tirados ante os que apareceu a mellor versión dos vigueses. 
O Coruxo, despois de ver que o Compos perdoaba unha oportunidade de marcar tras outra, quixo rematar o traballo. Nunha contra, un pase longo para Santi Comesaña rematou co terceiro. O ex do Val Miñor gañou en velocidade a Jesús Varela e superou a saída de Pato cun disparo cruzado. Terceiro na conta do equipo e na súa propia. 
O gol foi definitivo en moitos sentidos. A intensidade por parte dos nosos caeu ata case desaparecer. De feito, o Coruxo só precisou dez minutos para pechar a goleada. O cuarto foi moi directo. Brais saca en longo dende a súa portería, o balón chega a Salinas e sen moverse pégalle. A pelota supera a saída de Pato e entra lambendo o longueiro. E de novo á contra chegou o quinto e definitivo. Antúnez gaña en velocidade a Jimmy e supera a saída de Pato cun disparo cruzado raso, que se cola por debaixo das pernas do porteiro. 
Goleada tan inesperada como dolorosa que deixa ao equipo un pouco máis lonxe dos postos de permanencia. Agora xa é momento de pensar nun Racing de Santander en postos de ascenso e que buscará a súa quinta vitoria consecutiva en San Lázaro.

ALIÑACIÓN: Pato; Catú (Jesús Varela, min. 46), Sergio Sánchez, Javi, Jimmy; Marcos; Fondevila, Dani Hernández (Juan Rey, min. 58), Mon (Gerard, min. 75), Joaquín; e Orbegozo.
CARTÓNS: Amarelos para Catú, Juan Rey e Gerard.
GOLES: 1-0 17' Santi Comesaña, 2-0 43' Santi Comesaña, 2-1 45' Joaquín, 3-1 78' Santi Comesaña, 4-1 81' Salinas, 5-1 86' Antúnez.
ESTADIO: O Vao.

Ningún comentario:

Publicar un comentario