Tres puntos menos

O Compos encaixou unha nova derrota, de novo dolorosa, ante o Racing de Santander. O equipo cántabro soubo xogar o encontro, evitou que o Compos puidera chegar ao descanso cunha diferenza maior e dominaron toda a segunda metade dando a volta ao resultado a falta de tres minutos para o final. Jordan, do mellor no ataque branquiazul, foi o autor do gol local mentres que Coulibaly e Dioni fixeron o propio para os santanderinos, que voltan a casa cos tres puntos por segunda ocasión consecutiva en San Lázaro. 
Certo é que o Compos non tiña todas consigo. O rival era un dos favoritos para o ascenso ao final da tempada e está a pasar por un momento envexable con cinco vitorias consecutivas sumando a colleitada en San Lázaro. Pero dende o comezo, a Esedé buscou sorprender, facerse dona da pelota e do partido. Algo que non foi fácil pero tampouco imposible. 
A base de pases curtos, tranquilidade e seguridade, os nosos gozaron de boas chegadas, anque sen demasiado perigo. Os cántabros si foron capaces de chegar con perigo á porta de Pato a base de contras rápidas. Por sorte, a nosa defensa estivo moi ben durante a primeira metade con Catú dando unha nova lección de fútbol. 
En ataque, as cousas non ían da mellor forma posible. Erro tras erro en ataque, unha xogada colectiva rematou co gol de Jordan, un gol cargado de esperanza e ilusión. Un testarazo do ourensán despois de varios rexeites dentro da área verde. 
Co gol en contra, o Racing foise ao ataque. Loitaron pola posesión da pelota e pouco a pouco conseguiron achegarse á porta de Pato. Sen embargo, ata o final do primeiro tempo, tanto a defensa coma o porteiro uruguaio mostraron un alto nivel evitando o gol do empate. 
O primeiro tempo rematou cos racinguistas lanzados en ataque e así comezou o segundo. Os homes de Munitis protagonizaron as mellores ocasións de perigo da segunda metade e en menos de dez minutos conseguiron facerse coa igualdade no marcador. Un gol de Coulibaly, gol de dianteiro centro, despois dun rexeite do longueiro a un disparo de Dioni, moi ben en ataque tamén durante a segunda parte.
O Racing fíxose dono do encontro e conseguiron as mellores ocasións sobre a porta de Pato ante unha defensa moi firme capaz de evitar que chegase o segundo gol visitante. No outro lado do campo, o Compos non foi quen de achegarse á porta de Óscar con Gerard e Orbegozo perdoando de novo na frontal da área.
Nos minutos finais, cando o empate parecía ser o resultado final, unha nova internada do Racing pola banda esquerda rematou no segundo gol. Centra Cerro dende a banda e Dioni acerta a marcar. Pato non foi capaz de chegar á pelota e a afección visitante desatou a loucura. Nova remontada que sofre o Compos e a pensar xa nos partidos ante a Gimnástica en Torrelavega o mércores e ante o Atlético Astorga en terras leonesas para pechar un 2015 cun final para esquecer.

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Sergio Sánchez (Fondevila, min 42), Catú, Jimmy; Marcos; Jordan, Moreno, Joaquín (Mon, min. 46); Orbegozo e Gerard Oliva (Dani Hernández, min. 78). 
CARTÓNS: Amarelo para Catú, Sergio, Gerard, Marcos, Jimmy, Marqueta e Moreno. 
GOLES: 1-0 24' Jordan, 1-1 54' Coulibaly, 1-2 87' Dioni.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario