O Compos dixo adeus á Copa RFEF en Torrelavega. Un bo partido dos nosos en El Malecón ante un rival complicado que fixo valer o resultado do encontro de ida, fai dúas semanas, en San Lázaro. Sen goles, o mellor do encontro foi a volta de Portela ao once inicial case catro meses despois de lesionarse no amigable en Camporrapado ante o Boiro.
Un partido ante a Gimnástica de Torrelavega sen apenas ocasións no que a Esedé foi superior pero non tivo apenas opcións para poñerse por diante ao igual que na ida. O equipo cántabro, sabedor de que o empate sen goles sería suficiente para eles, defendeuse das posibles oportunidades de gol dos nosos, con Gerard coma único dianteiro e moi activo, anque de novo sen sorte de cara a gol.
Na segunda metade, máis do mesmo. O Compos, superior, non foi quen de achegarse á portería de Kevin con perigo. Boa presión e intensidade do equipo pero, unha vez máis, con falta de gol. Emoción ata o final e con Gerard buscando o gol de tódalas formas posibles anque sen puntería suficiente nin sorte, algo que acompaña ao equipo dende o comezo da tempada.
Finalmente, o Compos despídese tamén da Copa Federación a pesar de amosar unha boa imaxe e só queda pensar na Liga. O sábado pola tarde chega o derradeiro encontro desde ano en Astorga, campo do que o equipo non garda bos recordos despois da goleada recibida o ano pasado.
ALIÑACIÓN: Marqueta; Jesús Varela, Portela, Catú, Jimmy; Javi Moreno; Jordan, Josu, Joaquín, Rubén; e Gerard.
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: El Malecón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario